O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá máis de 20 actividades ao longo dos meses de marzo e abril

Luns, 10 de marzo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A primeira das actividades levarase a cabo este xoves 13 coa actuación do actor Gabino Diego que presenta o seu proxecto teatral

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou as actividades programadas entre o 13 de marzo e 13 de abril no Auditorio  Municipal Gustavo Freire.

Basadre explicou que “en 30 días hai máis de 20 actividades diferentes e para todos os gustos porque queremos que os lucenses participen da vida cultural da cidade e desfruten con estas actuacións”.

A primeira será o xoves 13 de marzo ás 20.30 horas coa obra interpretada por Gabino Diego Una noche con Gabino (Diez años después) e do que están as entradas á venda en entradas.lugo.es ata o propio xoves ás 09.00 horas. A retirada das mesmas poderase facer no Centro de Interpretación da Muralla ata as 13.00 horas. Tamén se poderán mercar dende unha hora antes nas taquillas do Auditorio.

O sábado 15 de marzo, ás 20.30 horas o grupo de música Son de Seu presentan en Lugo o seu cuarto disco Danzas Brancas. Sondeseu é a primeira orquestra estable de Europa con repertorio folk: unha formación de corenta músicos que interpretan música tradicional de Galicia arranxada especificamente para unha ampla variedade de instrumentos. Venda de entradas en http://entradas.novagaliciabanco.es por un importe de 7 euros anticipada ou 10 o día do concerto.

No Auditorio Gustavo Freire tamén se levarán a cabo representación de obras de teatro afeccionado como o sábado 22 de marzo ás 20.30 horas, Ventura Pérez dirixe á compañía Con Buen Pie que interpretan Yo odio a Hamlet de Paul Rudnick. O conflito que a obra presenta, en clave de comedia tremendamente hilarante, permítenos reflexionar sobre algo tan actual coma a aceptación de programas televisivos de baixa calidade que unha parte da poboación critica pero que, sen embargo, son asumidos como algo inevitable. A venda de entradas, que teñen un prezo único de 5 euros, será dende unha hora antes do espectáculo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Entre o luns 24 e o mércores 26 de marzo levarase a cabo o XIV Festival Xuvenil Europeo de Teatro Grecolatino dirixido a estudantes de entre 15 e 17 anos. Tamén os días 1, 2 , 4 e 7 de abril terá lugar a representación das obras que entran dentro do programa do XX Festival de Teatro Universitario, de entrada gratuíta.

O sábado 29 de marzo, a compañía Chévere representará a obra Eurozone na que actores como Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, Iván Marcos, Borja Fernández e Pepe Penabade representarán unha farsa teatral sobre a crise da zona euro, sobre o fin da idea de Europa tal e como a entendemos ata agora, sobre un sistema democrático deslexitimado que só conta coa cidadanía para ir votar cada certo tempo, sobre unha clase dirixente que só exerce o poder no seu propio beneficio, sobre o secuestro da democracia por parte do sector financeiro. As entradas estarán á venda en entradas.lugo.es a un prezo único de 5 euros.

A obra de teatro Meu ben será representada pola compañía EME2 o xoves 3 de abril ás 20.30 horas. Nesta obra, as actrices Elina Luaces, Rocio González e Mercedes Castro interpretan a tres mulleres de diferentes xeracións que contarán a súa historia dun ano extraordinario. As entradas estarán á venda en entradas.lugo.es a un prezo único de 5 euros.

A música non podía faltar no Auditorio Municipal polo que o 5 de abril ás 18.30 horas celebrarase un concerto de rock didáctico dirixido ao público infantil. Maga Kids é un concerto ao uso de Maga que conta para a ocasión coa presenza dunha narradora/animadora que interactúa co grupo e coas nenas e nenos para explicarlles cómo se compón unha canción, en qué consiste o ritmo e a melodía ou cómo a música nos trasmite diferentes estados de ánimo, todo esto tomando como exemplo as cancións. As entradas estarán á venda en entradas.lugo.es a un prezo único de 2 euros.

O venres 11 de abril terá lugar un dos concertos didácticos do Ciclo de Música Contemporánea de Lugo, MIHL Sons, ás 11 horas e un concerto ás 20.30 horas co grupo de Percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e co grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. A actuación levo por nome Moving into a new age. A entrada é de balde.

Para rematar, o domingo 13 de abril ás 20.30 horas a compañía Nostrum Cai Teatro presentan a obra Alba. A Casa Pechada, con actrices como Laura García, Raquel López, María Grandío, Mar Freire, Esther Pedrouzo e Lola Fernández. Tres irmás privadas de liberdade desatan celos e paixóns. Desafían a moral establecida e o despotismo dunha nai que se interpón entre elas e os homes. O intento por quebrar a tiranía da nai á que non poden vencer leva a un destino tráxico. A venda de entradas, que teñen un prezo único de 5 euros, será dende unha hora antes do espectáculo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Multimedia

Noticias relacionadas