O Auditorio Municipal Gustavo Freire acolle máis de 280 eventos durante os anos 2015 e 2016

Carmen Basadre informou das actividades que se levan a cabo nestas instalacións, 86 delas promovidas polo Concello e outras organizadas por entidades sociais e culturais

Venres, 18 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu conta este venres da utilización do Auditorio Municipal Gustavo Freire, que durante estes dous últimos anos está a acoller máis de 280 eventos.

Entre as actividades levadas a cabos nestas instalacións municipais, a edil concretou que “86 delas foron promovidas polo propio Concello e outras foron organizadas por entidades sociais e culturais, que solicitaron a súa utilización”.

A entidade local realizou no Gustavo Freire a programación de actividades como a Mostra de Teatro Clásico, a Semana Internacional da Maxia, concertos da Banda Municipal ou da Escola de Música de Lugo, ou a Semana Internacional da Danza, entre outras.

Entre as entidades sociais e culturais que utilizaron o auditorio municipal para realizar actividades, como o Festival de Teatro Universitario, a Semana Internacional de Cine de Autor, ou diversos concertos musicais e galas. Tamén foi utilizado por diversos centros de ensino da cidade e para celebrar eventos solidarios a favor de entidades como Unicef, Taller de Solidariedade, Down Lugo, Somos Unidos Contra o Cancro, ou Capaces, entre outras.

Ademais, para facilitar o seu uso, dende o Goberno municipal levouse a cabo unha modificación da ordenanza fiscal pola que se reduce a taxa polo uso do auditorio, ofrecendo 2 alternativas, con infraestrutura, 500 euros, e sen infraestrutura, de 200.

Noticias relacionadas