O ascensor do Sagrado Corazón: outra proposta máis do Goberno de Lara Méndez para continuar facendo cidade dende os barrios

A Alcaldesa anuncioulle á veciñanza da zona a inmediata licitación, en Xunta de Goberno deste mércores, do proxecto de construcción dun ascensor de uso público, cun orzamento de 252.700€ e un prazo de execución de 4 meses

O ascensor, que se prevé construír en formato panorámico posibilitanto as vistas dende o interior, terá un sistema de embarque pola porta sur e desembarque pola norte, con paradas a nivel da praza da igrexa e a carón do colexio. A comunicación entre desembarcos será a través de sendas paralelas

Con esta actuación, o Goberno continúa apostando por un modelo de cidade, no que a peza central son os veciños e veciñas; neste caso cunha iniciativa de mobilidade e de accesibilidade; apostando coa instalación deste ascensor por conectar mellor aos barrios para facer unha cidade cohesionada

Luns, 01 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O ascensor do Sagrado Corazón: outra proposta máis do Goberno de Lara Méndez para continuar facendo cidade dende os barrios

Na liña de acción do Goberno de impulsar as distintas zonas de Lugo, co obxecto de facer cidade dende os barrios, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, desprazouse este luns ao Sagrado Corazón, onde lle deu a coñecer á veciñanza da contorna o proxecto de mellora do espazo urbano e accesibilidade que ten o Concello para a zona.

Lara Méndez, que estivo acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez; anuncioulles a inmediata licitación, concretamente este mércores en Xunta de Goberno, do proxecto de construcción dun ascensor de uso público, cun orzamento duns 252.700 euros e un prazo de execución das obras de 4 meses. Conclúe así un proxecto que tivo contratempos, pois primeiro a adxudicataria das obras renunciou ao contrato, e logo o Concello non puido volvelas a sacar a licitación, como era o seu obxectivo, debido a unha incongruencia detectada sobre a titularidade dos terreos entre o Catastro e o Rexistro da Propiedade. O Goberno fixo as xestións pertinentes para resolver esta incoherencia a través do trámite urbanístico da segregación, e para o que, previamente, foi necesario que Abanca cedera ao Concello parte da beirarrúa situada na parte superior da parcela, asinándose un convenio o pasado mes de xullo.

Con esta intervención, os 816 habitantes da contorna do barrio gañarán directamente en accesibilidade, pero tamén en comodidade e calidade de vida, sobre todo os maiores. Tamén se beneficiarán destas tarefas outras persoas que acudan ao barrio, que conta con diversos usos sociais: colexio, centro de saúde ou centro de convivencia.

Tal e como explicou a Alcaldesa, na actualidade, na escalinata do Sagrado Corazón, existe un sistema de escaleiras de 3+3 tramos, que salvan un desnivel de 6,75 metros entre a Avenida Adolfo Suárez e a igrexa do barrio. Máis arriba das inmediacións do bloque nº23 do barrio prodúcese o final desta nova intervención, existindo unha diferenza de nivel entre ambos puntos de 11 metros, altura que o Concello solventará con este proxecto.

A entidade local instalará un ascensor con tres paradas para salvar os diferentes niveis: un deles a nivel da praza que dá acceso á igrexa e o outro máis arriba, para enlazar coa cota superior do soportal existente a carón do Salón de Actos do CEIP Sagrado Corazón

Esta infraestrutura colocarase no punto visual máis achegado á cidade con respecto á Praza, de xeito que se poida observar unha vez que a persoa viandante se vaia achegando ao barrio, cruzando a ponte existente encima das vías do tren.

O ascensor de uso público, que se prevé construír en formato panorámico posibilitanto as vistas dende o interior, terá un sistema de embarque pola porta sur e desembarque pola norte nas paradas segunda e terceira, a nivel da praza da igrexa e a carón do colexio. A comunicación entre ambos os dous desembarcos superiores do torreón realizaranse a través de sendas paralelas; unha primeira chegando á Praza, salvando un vano de 5 metro, e outra que salva unha distancia de 16 metros, mediante a construción dunha viga-ponte con estrutura metálica. Na planta baixa prodúcese o acceso ao torreón do ascensor. Nesta área proxéctase ubicar a parada de bus urbano que na actualidade está situada a carón da rotonda de Adolfo Suárez con Serra de Meira. Para elo, a actuación compleméntase coa instalación de mobiliario urbano, conretamente colcoando dous  bancos cubertos por unha marquesiña.

Haberá tamén un sendeiro peonil adaptado e aproveitarase para realizar unha limitación efectiva do aparcamento de vehículos nunha área de saída de alumnos do colexio. Tamén se constrúe un tramo de muro e unha escaleira co obxecto de salvar o desnivel que se vai producir na área situada á esquerda da saída do centro educativo.

Actuación nunha pequena área, pero con gran influencia urbana

Actúase nunha pequena área, 320 metros cadrados, pero con gran influencia urbana, que redundará non só en beneficio de mobilidadade, senón tamén no acabado físico da contorna. Paralelamente, aproveitarase a intervención para mellorar a iluminación existente e os acabados dos materiais, como o que se prevé realizar no soportal existente cuxo teito sufriu danos de humidade, ou o tapado parcial da medianeira. Tamén se aproveitará para redimensionar as escaleiras.

Con este novo proxecto, o equipo de Lara Méndez volve dar unha solución de mobilidade a unha demanda histórica feita pola veciñanza da cidade. O Concello ten actualmente en marcha as tarefas do elevador de Fontiñas, sendo o do Sagrado Corazón o segundo ascensor público proxectado en Lugo. Responde tamén ao compromiso do Goberno de facer unha cidade cada vez máis accesible, onde as persoas sexan os verdadeiros protagonistas. Ademais, este proxecto desvela de novo a importancia de ter presuposto, a única ferramenta capaz de materializar todas as obras que demanda a veciñanza e as que proxecta o Concello.

Así mesmo, o Goberno continúa apostando por un modelo de cidade, no que a peza central son os veciños e veciñas; neste caso cunha iniciativa de mobilidade e de accesibilidade; apostando coa instalación deste ascensor por conectar mellor aos barrios para facer unha cidade cohesionada.

No Sagrado Corazón, o Goberno, ademais da instalación do ascensor, ten proxectadas as obras de aglomerado do acceso á contorna da igrexa, adxudicadas en Mesa de Contratación do 19 de setembro por 17.200 euros; e en execución, as tarefas de pavimentación da rúa Fonmiñá e Piñeiral, cun orzamento conxunto de 100.000 euros.

Multimedia

  • O ascensor do Sagrado Corazón: outra proposta máis do Goberno de Lara Méndez para continuar facendo cidade dende os barrios

Noticias relacionadas