O arqueólogo municipal explicará a historia da Casa dos Mosaicos na nova conferencia do ciclo Desenterrar o Pasado

Enrique González ofrecerá mañá, ás 20:00 horas, no Vello Cárcere, a nova conferencia das xornadas organizadas polo Concello con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural

Mércores, 21 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A historia e características da Casa dos Mosaicos, un dos conxuntos arqueolóxicos máis completos e mellor conservados da cidade de Lugo, centrará a nova conferencia do ciclo Desenterrar o Pasado. Un Percorrido pola Arqueoloxía de Lugo organizado polo Concello, que ofrecerá o  arqueólogo municipal Enrique González mañá, ás 20:00 horas, no auditorio do Vello Cárcere.

A relevancia e interese dos restos exhumados na Casa dos Mosaicos deu lugar á decisión de conservalos in situ mediante o seu acondicionamento e posta en valor, para o cal o Concello asinou un convenio coa Xunta, o que permitiu que en decembro de 2005 se abrira ao público este conxunto arqueolóxico. A exhibición dos mosaicos completouse nos anos 2013 e 2015 coa abertura das ventás arqueolóxicas na rúa Doutor Castro, iniciativa acometida con cargo ao plan URBAN.

Enrique González Fernández é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realizou tamén os cursos de doutoramento no Departamento de Historia. Na actualidade, desempeña o seu labor profesional como arqueólogo no Servizo Municipal de Arqueoloxía de Lugo. É autor de decenas de textos científicos entre libros, capítulos de libros, artículos de revistas científicas ou de divulgación cultural, e participou en congresos e simposios tanto nacionais como internacionais, ademais de colaborar na organización ou comisariado de varias exposicións arqueolóxicas, e fomar parte do desenvolvemento de numerosos proxectos europeos relacionados co patrimonio cultural (World Heritage:Cultura 2000, Atlante, Vías Atlánticas, Muralla Dixital e Muramiñae –estratexia DUSI-).

As xornadas Desenterrar o Paso. Un Percorrido pola Historia forman parte do programa de actividades organizado polo Concello con motivo da conmemoración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, programación que tamén inclúe as Xornadas Internacionais de Cerámica Antiga no Noroeste Peninsular, coas que a entidade local converterá a Lugo en referente no estudio e difusión desta temática entre os días 25 e 28 de abril no Vello Cárcere. De feito, trátase do primeiro congreso deste entidade e dimensións que se organiza en Galicia sobre cerámica antiga, pois reunirá a 25 expertos de renome a nivel mundial, que ofrecerán 17 conferencias e participarán en mesas redondas e seminarios durante catro días. Haberá ademais visitas guiadas polos museos municipais.

Noticias relacionadas