O Arde Lvcvs en cómic, no primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia

Carmen Basadre e Manel Cráneo presentaron esta proposta, enmarcada dentro do Arde Lvcvs Cvltvral, que terá lugar ao longo do mes de abril no MIHL. Contará cos principais especialistas galegos en ilustración

As persoas interesadas en participar nesta iniciativa, dividida nunha parte didáctica a través de charlas e outra práctica con obradoiros, poden facelo a través do 010 ou do 982297350 para os de fóra de Lugo

Os ilustradores especializados en xénero histórico percorrerán o sábado 16 de xuño os puntos fundamentais do Arde Lvcvs e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade e da festa

Venres, 23 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lvcvs en cómic, no primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia

O comic chega ao Arde Lvcvs cunha interesante proposta, a realización do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que presentou este venres, no patio do Vello Cárcere, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o artista Manel Cráneo. Esta iniciativa, que contará con algúns dos principais especialistas galegos en ilustración, enmárcase dentro do Arde Lvcvs Cvltvral, e terá lugar ao longo do mes de abril no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

Tal e como avanzou no acto Carmen Basadre, a idea deste encontro "onito é interesante" é achegar a todos os públicos, dende os máis cativos a maiores, a importancia que a ilustración pode ter para ensinar e mostrar parte da historia de Lugo, a través do noveno arte.

Neste primeiro encontro participarán os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento. Así, esta innovadora proposta, impulsada polo Concello de Lugo e na que colabora o portal www.historiadegalicia.gal e Demo Editorial, toma forma por primeira vez en Galicia no Arde Lucus e estará dividida en dúas partes; unha máis didáctica e educativa e outra práctica.

Encontro didáctico e práctico

A primeira delas realizarase ao longo do mes de abril con obradoiros teóricos e prácticos de cómic histórico como parte do Arde Lucus Cultural. A segunda parte terá lugar na mesma festa do Arde Lucus, onde os seis ilustradores que participan neste evento se situarán en lugares estratéxicos da cidade para tentar recrear a través dos seus debuxos o Lucus histórico que recrearán as distintas entidades, asociacións e veciños que participan na festa.

Así, a primeira parte, que terá lugar desde o 6 de abril ao 21, constará de tres sesións teóricas e dous obradoiros prácticos. Nos primeiros participarán os ilustradores Manel Cráneo, Pepe Carreiro e José Barreiro que falarán da banda deseñada histórica en Galicia, especialmente, da época romana e castrexa.

Manel Cráneo abordará o venres 6 de abril o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica. Pepe Carreiro, o creador dos Bolecha, abordará o día 13 de abril o mundo dos Barbanzáns e a Cultura castrexa en banda deseñada e José Barreiro, o venres 10, Roma na banda deseñada. Todas as charlas comezarán ás 20.00 horas.

Pola súa banda, os obradoiros prácticos terán lugar o sábado 14 e o sábado 21. O primeiro para nenos e o segundo para adultos. Nestas sesións, os ilustradores Victor Boullón e o lucense Miguel Fernández ensinaránlle aos participantes a debuxar romanos e romanas e castrexas e castrexos. As persoas interesdadas en participar xa se poden insciribir a través do 010 ou no 982297350 para as de fóra de Lugo. Trátase de aproveitar a presenza dos ilustradores para que os participantes aprendan a debuxar a historia do Arde Lucus. Deste xeito os profesionais poden dar nocións de como ilustrar certas temáticas da vida galaico-romana da época.

Algunhas das ilustracións resultantes destes obradoiros poderían aparecer publicadas na web oficial do Arde Lucus e serán distribuídas a través das redes sociais deste I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia.

Roteiro cos ilustradores

Xa en xuño terá lugar a segunda parte deste ciclo de banda deseñada. Os seis ilustradores especializados en xénero histórico percorrerán o sábado 16 de xuño os puntos fundamentais do Arde Lvcvs e realizarán debuxos en directo situados en puntos estratéxicos da cidade e da festa. O obxectivo é tentar representar en banda deseñada o ambiente que tería a antiga Lucus Augusti a ravés da representación historiada que veciños e asociacións fan durante esta festa.

Posteriormente haberá unha xuntanza para que os autores poñan en común os seus traballos, valorar as ilustracións realizadas e proxectar a posible publicación dos traballos a través dunha viñeta historiada.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a banda deseñada histórica de Galicia | Descargar mp3

Multimedia

  • O Arde Lvcvs en cómic, no primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia
  • O Arde Lvcvs en cómic, no primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia
  • O Arde Lvcvs en cómic, no primeiro encontro de banda deseñada histórica de Galicia

Noticias relacionadas