O Arde Lvcvs Cvltvral achega este xoves a última cata con Baco e o sábado, un obradoiro de xogos romanos e unha busca do tesouro

Para participar en calquera destas actividades, que son de balde, é preciso inscribirse a través do 010 ou no teléfono 982297350 para os de fóra de Lugo

En canto á actividade programada para o 28 de abril, a final dos xogos romanos de taboleiro, na Casa da Xuventude, aprázase para o 5 de maio, por mor da celebración das Eleccións Xerais

Martes, 23 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Arde Lvcvs Cvltvral ofrece este xoves, 25 de abril, a útlima oportunidade para participar na cata con Baco, o deus romano do viño. Será impartida por Isabel Lozano Verdes, a partir das 20:00 horas no Vello Cárcere.

O sábado, esta programación de inspiración romana e castrexa achegará á veciñanza un Obradoiro de xogos da antiga Roma, impartido pola asociación de recreación histórica Salesiani Luci Augusti. Será das 11:00 ás 13:30 horas no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Nese mesmo espazo, as Asemblearias de Lucus Augusti organzian A busca do tesouro da emperatriz, en xornada de mañá, tamén de 11:00 a 13:30 horas, e de tarde, das 17:00 ás 19:30 horas, nas mesmas instalacións do museo.

Para participar en calquera destas actividades, que son de balde, é preciso inscribirse a través do 010 ou no teléfono 982297350 para os de fóra de Lugo.

Tamén o sábado, a Casa da Xuventude acollerá de novo os talleres para facer un traxe para os festexos do Arde Lvcvs, que terá lugar todos os sábados, ata xuño, de 10:30 a 13:30 horas, e o taller de tambores, tamén todos os sábados, ata o 8 de xuño, das 10:30 ás 13:30 horas. Ademais, na Sala de Exposicións de Porta Miñá aínda se pode visitar a exposición sobre a evolución da armatura do retiario.

En canto á actividade programada para o 28 de abril, a final dos xogos romanos de taboleiro, na Casa da Xuventude, aprázase para o domingo 5 de maio, por mor da celebración das Eleccións Xerais.

Noticias relacionadas