O Arde Lvcvs 2016 dispón dunha App con toda a información da festa e notificacións a tempo real

Con esta nova aplicación dispoñible para IOS e Android, pódense recibir notificacións coas novidades que acontezan nesta edición a través dun sistema de avisos

Durante os festexos reforzarase a presenza da Policía Local, para garantir a normalidade e tranquilidade de todos os participantes, lucenses e visitantes

Como avanzou a Alcaldesa, o Concello abriu un paso peonil de maneira provisional na Rúa Soto Freire para facilitar o acceso de veciños e visitantes

Xoves, 16 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Arde Lvcvs 2016 dispón dunha App para dispositivos móbiles con toda a información e notificacións a tempo real sobre esta multitudinaria festa de recreación histórica. A empresa lucense Ailalelo creou esta aplicación, que está dispoñible de xeito gratuíto para dispositivos con sistemas IOS e Android.

A App do Arde Lvcvs 2016 ten toda a información sobre as 400 actividades que se desenvolverán nesta décimo quinta edición, que arrincará mañá ás 18:00 horas. As seccións nas que se divide esta App son as seguintes: noticias, programa, mapa interactivo, información das distintas asociacións e teléfonos de interese. O programa aparece clasificado segundo os días e as asociacións que colaboran na organización das actividades. Para non perderse ningunha, o mapa interactivo rexistra todas e cada unha delas.

Unha importante novidade desta aplicación é que se poden recibir notificacións nos distintos dispositivos móbiles coas novidades que acontezan nesta edición a través dun sistema de avisos en tempo real, algo que facilitará aos usuarios

Reforzos na Policía Local

No marco do dispositivo conxunto das forzas e corpos de seguridade despregado polo Arde Lvcvs, tanto de prevención como de intervención, o Concello reforza a presenza da Policía Local, en aras de conseguir a normalidade e tranquilidade de todos os participantes, lucenses e visitantes.

Deste xeito, o xoves reforzaranse as quendas de tarde e de noite, nas que haberá uns corenta axentes. O venres e o sábado contarán con reforzos en todas as quendas, que contarán cun total de 78 e 82 axentes respectivamente. O domingo, as quendas de mañá e de tarde reforzaranse e terán un total de 46 axentes.

Ademais, todos os días haberá entre tres e cinco patrullas da Policía Local a pé, especialmente pola zona do casco histórico.

Rúa Soto Freire

Tal e como avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, o Concello abriu un paso peonil de maneira provisional na Rúa Soto Freire para facilitar o acceso de veciños e visitantes. Dado que durante estes festexos a rúa paralela a esta vía está ocupada por un campamento, adoptouse esta solución provisional, para non deixar incomunicadas dúas zonas da cidade nunhas datas tan especiais con tanta afluencia de xente e tanta interacción pola propia situación dos campamentos.

Noticias relacionadas