O Arde Lucus MMIX despídese coa celebración das Olimpíadas e a colocación da Sentinela

Venres, 26 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Chega a última xornada do Arde Lucus MMIX, pero a actividade non decae e contará cun intenso programa no que destacan as Olimpíadas nas que se enfrontarán os campións das lexións romanas e das tribos celtas de Lucus Augusti.

Pero ao longo do día haberá moitas máis actividades no centro histórico para que o ambiente festivo non decaia neste terceiro e último día de festa. Como o resto das xornadas estará aberto desde media mañá o mercado e os campamentos romano e de forxadores. Non faltarán os espectáculos de maxia e actividades como xogos romanos, desfiles de lexións, gladiadores, colexios… Ademais, continuará a instrución militar polas rúas da cidade e seguirá aberta a Tabernae na que se poderá gozar dun menú acorde coa época romana na Praza da Soidade.

Pola tarde haberá desfile dos participantes nos concursos e procederase á entrega de premios, paseos de bigas cos aurigas polas rúas da cidade, continuarán coas celebracións de vodas celtas e o grupo de teatro Ilusionarche presentará no Carril dás Estantigas o Nasciturus. Ademais, a ANPA do Conservatorio Superior de Danza presentará na Praza de Santa María o seu espectáculo Danzarium.

Os cidadáns e cidadás lucenses e todos aqueles que visiten a cidade, dirán adeus aos tres días de festa coa colocación da Sentinela feita en fragua dos forxadores ao longo da festa e que vixiará a Muralla desde o tramo peonil da Ronda. Lucus Augusti terá que esperar un ano máis para viaxar ao pasado, revivir os tempos da súa fundación na época do Imperio de Roma e que Lugo arda de novo.

Multimedia

Noticias relacionadas