O Arde Lucus 2015 terá máis de 260 actividades das que máis de 60 son actuacións novidades

Mañá mércores 10 a partir das 10 da mañá estarán a venda as entradas para o Circo Romano e Xera, espectáculo de lume na web www.entradaslugo.es

A Cohors III presentou a moeda oficial deste ano en homenaxe ás mulleres cun denario realizado en bronce e acuñado no ano 264 a. C. coa imaxe da deusa Minerva

Alsa e Renfe terán descontos para os cidadáns que se acheguen os dias previos do Arde Lucus a Lugo do 25% e o 30%

Martes, 09 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arde Lucus 2015

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións, Carmen Basadre, presentou esta mañá o programa do Arde Lucus 2015 que se celebra os días 19, 20 e 21 de xuño. 

Nesta decimocuarta edición haberá máis de 260 actividades diferentes dirixidos a todos os público e idades das que máis de 60 son totalmente novas aínda que tamén manteñen actividades de gran éxito como son o Circo Romano ou as diferentes actuacións teatrais na rúa. Nesta edición, por segundo ano consecutivo, vaise a realizar un defile de tropas pola Ronda da Muralla con 32 asociacións diferentes e que reunirá a preto de un millar de persoas desfilando e que terá lugar o sábado 20 de xuño. Ademáis de 9 perruquerías que participan no Ornatrix, 28 establecementos que participan no primeiro concurso de escaparatismo.

Outra das actividades iniciadas o ano pasado tamén se manterá como é a representación da entrada das lexións romanas ao mando do Xeneral Caio Antistio “O Vello” e as tropas castrexas pola Ponte Romana a partir das 20 horas do venres 19 de xuño, e unha posterior recepción do Xeneral Caio Antitio e de Paulo Fabio Máximo na Praza Maior.

Este ano tamén estarán os gladiadores romanos chegados de Bérgamo e que interacturán co público que asista as súas loitas, son os Ars Dimicandi, uns especialistas que participaron, entre outros, na serie de televisión Roma, e que este ano aumentan o número de participantes e actuacións.

Carmen Basadre destacou ademais os centos de actividades que cada hora encherán as rúas de animación, as diferentes representacións das asociacións, música, teatro ou vodas e bautizos entre outros. 

Moeda Arde Lucus 2015

Camen Basadre, xunto co presidente da Asociación Cohors III Lucensium, Manuel Fernández, e escoltados por soldados romanos, presentaron esta mañá a moeda oficial que esta asociación acuña, por sexto ano, para a festividade do Arde Lucus. 

A moeda deste ano é un denario realizado en bronce e acuñado no ano 264 a. C. e escolleuse esta moeda para facer unha homenaxe á muller e a súa labor hoxe en día e no mundo romano. 

No anverso da moeda figura a cabeza da deusa Minerva, deusa da sabiduría, as artes e as técnicas da guerra ademais da protectora de Roma, que levaba un casco corintio decorado cunha greca e unha descrición que di ROMANO. No reservo leva un águia de pé e unha espada corta e por último un xabarín distintivo da Cohors III Lucensium. O orixinal desta moeda ten un valor no mercado de máis de 4.000 euros.

A moneda será repartida polos establecementos identificados có distintivo da moeda durante esta semana. Cada moeda ten o valor de 2 euros. A devolución dos pagos será realizada en euros, e poderanse cambiar as moedas ata fin de existencias.

Unha vez finalizadas as festas, aqueles romanos que queiran volver a obter os euros polo valor das moedas, deberán realizar o cambio nos establecementos có distintivo antes do 28 de xuño de 2015. O Banco Oficial da moeda do Arde Lucus estará situado no Hotel Pazo de Orban, na tenda Firi Mujer, en Joyería Honorino, no Estanco Galerias Calle Cruz, na tenda Unha de Romanos, Queixeria Praza do Campo, Confiteria Ramón e no Faro de Los Tres Mundos.

Ademais tamén se realizarán, ademais de pulseras como en anos anteriores, un colgante coa mesma moeda e ambas terán un prezo de 5 euros e venderanse nos mesmos establecementos que colaboran na venda e cambio de moeda.

Descontos Renfe e Alsa 

Carmen Basadre anunciou como unha das novidades o desconto do 30% que realizará Renfe en todos os billetes que se merquen con destino a Lugo, “agás no AVE”, ironizou a Concelleira. Este desconto realizarase entre os días 17 e 23 de xuño a través da páxina web www.renfe.com pero tamén durante a primeira quincena de xuño no canal de entretenemento dos trens AVE e Alvia emitirase o documental Arde Lucus  dirixido polo lucense Brais Revaldería.

Por outro lado, un ano máis, o Grupo Alsa, fará un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar o Arde Lucus ademais de ter toda a información para a compra dos billetes na súa páxina web www.alsa.es. Dende esta aplicación farase o desconto do 25% para aquelas persoas que merquen un billete para a cidade de Lugo entre os días 16 e o 23 de xuño.

 O Arde Lucus 2015 contará tamén con preto de 1.000 nenos e nenas máis para o desfile dos colexios da cidade xa que se sumaron máis centros para participar no mesmo e conseguindo unha cifra de participantes entre escolares e profesores de preto de 4.000 persoas. Otro dato, que destacou é a participación de todos os grupos de teatro da cidade en diferentes actividades e representacións.

Novos Campamentos e Ubicacións

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua en funcións tamén informou dos cambios de ubicacións dos campamentos ante o aumento de asociacións que participan na recreación histórica do Arde Lucus.

Este ano, ante o aumento de participantes, modificáronse varias ubicacións dos campamentos para unha maior comodidade dos participantes e visitantes. Desta maneira, a Castra estará como en anos anteriores no Carril dos Fornos e dará acollida as asociacións Caetra Lvcensivm, Civitas Lvcensis, Lvcvs Eqvites, Lvgdvnvm, Terra Copora e Tir Na N’og.

Na praza Horta do Seminario estarán instalados a asociación Mercenarios Galaicos, no Cantiño Nemesio Cobreros instalarán o campamento de Trebas Galaicas, na Praza da Constitución, por primeira vez,  instalaranse os Senadores Romanos, e na Praza de Bretaña os Salesiani Lvci Avgvsti. Tamén por primeira vez a Guardia Pretoriana montará o seu campamento na Praza de San Marcos e as Asamblearias ocuparán o espazo dos xardíns da Deputación de Lugo. Na Praza Maior instalaranse na parte máis próxima a Casa do Concello a Cohors III Lucensium e no fondo da praza o Templo das Vestais. Este ano tamén participarán membros de asociacións de outras festas de recreación histórica como son de Cartaxena, Astorga, Asturias ou Vitoria. 

Outra das novidades é o cambio de ubicación das actividades do Miúdo Arde que pasarán á nova praza creada na Calella do Hospital e Carril do Son e que se converte nun espazo protexido e recollido para as actividades dos máis pequenos. O Macellum situarase, como sempre, na Praza Maior, con 65 postos de diferentes tipoloxias.

Tamén haberá un espazo para O lugar das Ornatrix na que os perruqueiros de Lucus Augusti realizarán peiteados de época a todas as persoas que se acheguen á confluencia da rúa da Raíña coa rúa Xoan Montes. Todas as perruquerías que queiran participar e formar parte do Ornatrix poderán inscribirse a través do 010 ou na Concellería de Xuventude ata o 7 de xuño.

Os restaurantes ao aire libre que se instalan durante os tres días de festa tamén teñen variacións xa que por primeira vez instalaranse dous na praza Horta do Seminario, un na praza Anxo Fernández Gómez, un na praza da Soidade e nove postos pequenos de comida repartidos en diferentes zonas próximas á praza da Soidade.

 Venda entradas espectáculos

Dende mañá mércores 10 de xuño estarán a venda as entradas para os actos do Arde Lucus, o Circo Romano e o espectáculo Xera, espectáculo de lume e que este ano presentan novidades. As entradas poderanse mercar a través da páxina web do Concello en entradaslugo.es.   

Como en anos anteriores, o prezo é de 2 euros por entrada. Este novo sistema de pago a través do servidor do Concello é segura e non ten ningún cargo engadido. Os espectáculos para os que se poñen en venda as entradas son:

Xera, espectáculo de lume

Lugar: explanada pavillón municipal
Data: 19 de xuño
Hora: 00:00h

Circo romano

Lugar: explanada pavillón municipal
Data: 20 de xuño
Hora: 18:00h

Circo romano

Lugar: explanada pavillón municipal
Data: 21 de xuño
Hora: 18:00h

+Info

Multimedia

Noticias relacionadas