O Alcalde recomenda visitar a exposición sobre a época romana que hai no Colexio Divina Pastora

Mércores, 30 de maio de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, achegáronse á exposición que co motivo do Arde Lucus celebra o Colexio Divina Pastora- Salesianos, como veñen facendo dende o ano 2008.

Para esta ocasión, inspiráronse nos mercados tradicionais romanos e elaboraron un espazo no que se recollen os principais produtos de venda, ademais de diferentes vestimentas. A exposición realizada polos propios profesores, pais e nais e alumnos, conta cun diferentes áreas nas que podemos atopar postos de cuadrigas, un de material de coiro e espadas, tamén se pode ver un de teas e calzado, unha botica e un posto de alimentación e cerámica.

López Orozco felicitou a todos os que participaron na elaboración da exposición e “recomendouna para que a poidan visitar todos os lucenses xa que con elo aprenderían pequenas cousas do día a día”. Ademais salientou que este tipo de iniciativas son as que fan que o Arde Lucus sexa unha festa con máis adeptos xa que, ao involucrarse toda a cidade, “ofrece a posibilidade de coñecer  como funcionaba a urbe e os antepasados que aquí viviron hai 2.000 anos, xa que con isto tamén coñecemos un pouquiño máis da nosa historia e da nosa cidade”.

Todas as persoas que desexen visitar este espazo poderán facelo no Colexio Divina Pastora, na Praza da Milagrosa, ata as 19:00 horas de luns a venres. Ademais, de facelo o día 8 de xuño, día no que as actividades do Lucus Cultural se realizarán nesa mesma praza entre as 17 e as 20 horas. Ese mesmo día, haberá unha conferencia do arqueólogo municipal, Enrique González, baixo o título “Descubrindo Lucus Augusti”, ás 20:00 horas.

Multimedia

Noticias relacionadas