O Alcalde esixe a Urbaser que garanta ós seus traballadores de Lugo a mesma suba pactada cos de Santiago

Luns, 07 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello imponlle 30.000 euros de multa a Urbaser por incumprir os servizos mínimos durante a folga de limpeza e recollida do lixo

O Alcalde, José López Orozco, esixiulle hoxe á empresa Urbaser que garanta ós seus traballadores de Lugo a mesma suba salarial que acaba de pactar cos empregados que ten a mesma compañía en Santiago de Compostela, un acordo que firmaron a empresa e o comité e que ratificou, por unanimidade, a asamblea de traballadores da concesionaria en Compostela.

O Alcalde fixo esta esixencia nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, e na que tamén anunciou a imposición dunha multa a Urbaser de 30.000 euros, o máximo previsto pola lei, polo incumprimento dos servizos mínimos establecidos polo Concello. 

“Como Alcalde de Lugo, esixo, no nome dos cidadáns, a fin desta folga” manifestou López Orozco e engadiu que “teñen un bo espello no que mirarse, a negociación e o acordo acadado pola empresa e os traballadores en Santiago de Compostela”.

O Alcalde explicou que “non coñezo o prego de condicións de Santiago, nin o convenio que teñen asinado, pero sí coñezo o acordo ó que chegaron o outro día e que ratificaron; polo tanto, estou en condicións de esixir a Urbaser que garanta ós traballadores de Lugo a mesma suba salarial e que, dunha vez, se senten nunha mesa negociadora e rematen este conflito que tanto dano lle está facendo ós cidadáns e á nosa cidade”.

López Orozco enfatizou que o Concello “traballou todo este tempo, mantendo un prudente silencio, non cómplice con ninguén, sobre este conflito laboral”, pero remarcou que “a paciencia dos lucenses e a do Alcalde teñen un límite”.

Tamén anunciou que, froito dunha das iniciativas desenvolvidas neste tempo polo Concello, “hoxe mesmo foille comunicada á concesionaria a proposta de sanción feita polo instrutor do expedente aberto, que é de 30.000 euros, o máximo importe previsto pola lei”.

O Alcalde explicou tamén nesta comparecencia que “durante este tempo, perto dun mes, mantivemos un silencio consciente, porque non debemos interferir na negociación entre unha empresa e os seus traballadores”. Tamén fixo fincapé en que “gardamos silencio, pero permanecemos activos”.

“Como xa se dixo hai unha semana no Pleno, houbo intervencións para propiciar o diálogo entre as dúas partes”, explicou López Orozco e tamén resaltou que “sobre todo, actuamos, dende o primeiro momento, para minimizar os problemas ós cidadáns, que son a nosa principal preocupación e a quen nos debemos”.

Lembrou o Alcalde que “antes da folga, como é preceptivo, decretamos os servizos mínimos, que a Xustiza rexeitou suspender cautelarmente” e tamén recordou que “durante o Arde Lucus, por parte de quen ten as competencias, que é a Consellería de Sanidade, declarouse a situación de emerxencia, apareceron os primeiros puntos de alerta sanitaria, decretados como digo por quen ten a competencia e fixemos o primeiro contrato, de urxencia, a Tragsa”.

Ademais, fixo referencia a que “co paso dos días e da folga, asinamos un convenio co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que ampara o contrato con Tragsa, e tamén asinamos convenios con cinco concellos da provincia”.

Froito destas xestións, explicou o Alcalde, “desque comezou a folga, e a pesar de que seguen sen cumprirse os servizos mínimos, conseguimos a retirada de 1.920 toneladas de lixo, Urbaser retirou 1.344 toneladas e Tragsa 576 toneladas”.

Multimedia

Noticias relacionadas