O Alcalde defende as competencias dos concellos nos servizos sociais

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, defendeu as competencias municipais dentro dos servizos sociais. “Os concellos temos aquí un gran papel. Equivócase quen non quera contar cos concellos pola proximidade que temos cos veciños”, dixo. López Orozco reivindicou o traballo dos municipios na inauguración das III Xornadas sobre Xerontoloxía e Educación Social que se celebran en Lugo e explicou que o Concello vai inaugurar unha rede de centros para ofrecer unha mellor atención ás persoas maiores do rural.

O Alcalde avoga pola colaboración institucional e coas entidades privadas para ofrecer o maior benestar ós cidadáns, “xa que é totalmente imposible que co diñeiro público se poda facer unha atención de calidade ás persoas dependentes e se cumpra así cos seus dereitos”. Sen embargo, defende o papel dos municipios nesta materia: “Queremos colaborar, pero non tutelas. Non nos poden suplantar, nós coñecemos con nome e apelidos cada veciño e as súas necesidades”, afirmou. “Ademais non se poden duplicar entes. Quen non respecte as competencias dos concellos, fracasará”.

O edil defende a atención in situ ás persoas maiores. Por iso explicou que “o Concello de Lugo vai poñer en marcha centros cívicos-cidadáns na zona rural para achegar ós servizos ás personas maiores no seu ámbito natural”.

O mandatario municipal animou ó Colexio de Educadores e Educadoras de Galicia, así como ós 50 profesionais presentes a aproveitar os empregos que creará a nova Lei de Dependencia aprobada polo Goberno central: “Aí hai un gran nicho de traballo”, dixo. Tamén os felicitou “porque o voso traballo redunda no benestar dos cidadáns”.

Noticias relacionadas