O Alcalde de Lugo subliña que os preto de 100 millóns de euros investidos nas obras dos barrios dan conta da transformación dunha cidade "na que todos teñen os mesmos dereitos"

Mércores, 15 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* Explica que o leit motiv que rexe a acción de Goberno do Concello establece que “independentemente do barrio onde se viva haxa igualdade de dereitos”

* “A partir de agora Lugo camiñará nunha nova etapa na que relanzar a cidade”, expuxo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado polo Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro, deu conta hoxe da contía que leva investida o Concello nas obras dos barrios da cidade desde o ano 1999, ano de chegada ao Goberno do Alcalde. Así, López Orozco subliñou que os preto de 100 millóns de euros investidos nas obras dos barrios - 98.664.805,59 euros- dan conta da transformación dunha cidade “na que todos os veciños e veciñas teñen os mesmos dereitos, independentemente de onde vivan”.

Na súa intervención, López Orozco expuxo que en 30 anos de Gobernos democráticos, os 10 anos que leva no Goberno Local a cidade viviu o maior impulso no investimento nos barrios, uns datos que o Partido Popular pode comparar co seu investimento tras ter estado no Goberno o dobre de tempo.

Trátase, tal e como explicou López Orozco, de actuacións levadas a cabo no centro e nos barrios da cidade, sen contar a zona rural, nas que se acometeron obras. “Non hai ningún barrio no que non se actuara; non faltaron actuacións en rúas, iluminación, pavimentos”, destacou o Alcalde.

O importante volume de investimento, posible grazas á colaboración establecida entre o Concello e outras administración como a Xunta ou o Estado a través do convenio con Fomento e o Plan E, permitiu “darlle unha nova imaxe á cidade”. Así mesmo, López Orozco salientou que as obras “contribuíron na creación e sostemento do emprego e na construción dunha cidade máis saudable e sostible”.

Igualdade de dereitos
O investimento en obras realizado polo Concello de Lugo ao longo destes dez anos, demostra, tal e como sinalou o Alcalde, a diferencia existente entre un goberno progresista e un que non o é. Así, referiuse ao leit motiv que rexe a acción de Goberno do Concello que establece que independentemente do barrio onde se viva haxa igualdade de dereitos.

Neste sentido, o Alcalde de Lugo destacou dúas liñas de actuación. A primeira delas centrouse en garantir a existencia dos servizos básicos urbanos. Agora, explicou, Lugo camiñará nunha nova etapa na que relanzar a cidade: os barrios e o centro, así como a zona rural.

Para chegar a esta segunda fase que o Concello está xa a acometer, foron precisos 10 anos de “traballo intenso, responsable e organizado” por parte da Administración Local, un traballo ao que só no apartado se destinou un investimento de preto de 100 millóns de euros.

As obras, entre outras actuacións levadas a cabo polo Concello de Lugo, produciron unha transformación dunha cidade que é pequena pero que se pode comparar en servizos con calquera outra cidade de Galicia e de España.

“O cambio levado a cabo na cidade sentou as bases que permitirán seguir mellorando Lugo”, incidiu.

Actuacións de futuro
O Alcalde de Lugo referiuse, así mesmo, as actuacións de futuro en materia de obras nas que o Concello seguirá traballando. Neste sentido, expuxo que se seguirá adiante coa renovación da iluminación da cidade. Así mesmo, falou da última fase do Plan Paradai e no seguimento continuado aos barrios. “Investiremos alí onde haxa máis necesidade para que a cidade siga tendo futuro”, salientou.

Multimedia

Noticias relacionadas