O Alcalde de Lugo solicita unha entrevista co Presidente da Xunta para que o HULA teña Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear, servizos prometidos por Feijóo na inauguración do hospital

López Orozco diríxese por escrito a Feijóo nunha carta na que agarda que “a saúde dos lucenses sexa unha prioridade para o Presidente da Xunta”. O Alcalde solicitou a entrevista anunciada no Pleno que declarou persoa non grata á Conselleira de Sanidade cos votos de PSOE e BNG e a oposición do PP”

Martes, 03 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde,  José López Orozco, vén de enviar hoxe unha carta ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para esixirlle, no nome da cidade de Lugo, a implantación dos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti.

O Alcalde dirixiuse por escrito ó Presidente da Xunta para solicitarlle unha entrevista urxente para tratar da implantación dos devanditos servizos, que o Presidente da Xunta prometera poñer en marcha no HULA nun prazo de tres meses no discurso que pronunciou Núñez Feijóo durante o acto de inauguración do Hospital.

A solicitude da entrevista foi anunciada onte polo propio Alcalde durante a sesión plenaria que celebrou a Corporación municipal na que o Concello de Lugo, a proposta do Grupo socialista, tomou a decisión de declarar persoa non grata á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, por negarlle ós lucenses os servizos sanitarios cos que contan o resto dos galegos.

A reprobación da Conselleira de Sanidade foi aprobada cos votos do PSOE e do BNG e coa oposición do Partido Popular nun Pleno no que, ademais do debate dos grupos políticos, interviron representantes da Plataforma promotora da ILP para a creación dos devanditos servizos no HULA e da asociación Foro Lugo.

López Orozco exponlle na carta a Núñez Feijóo que “a vontade dos máis de 41.000 lucenses que prestaron a súa firma á iniciativa lexislativa popular promovida pola Plataforma Veciñal para a prestación de ditos servizos no noso hospital universitario, apoiada unánimemente por todos os grupos políticos, vén de ser incumprida e ninguneada pola Conselleira de Sanidade, dona Rocío Mosquera, quen, na súa recente visita a Lugo, afirmou que o hospital non precisa de hemodinámica as 24 horas do día”.

No texto, López Orozco destaca a súa lealdade institucional pero advírtelle ó Presidente da Xunta que a súa primeira obriga como Alcalde é a defensa do dereito dos cidadáns de Lugo á súa saúde e a non ser discriminados. Neste sentido indica que “sabe Presidente que entendo os tempos de crise que estamos a vivir e que teño sido sempre un interlocutor razoable e institucionalmente leal. Agora ben, coñece tamén que nunca asumirei un agravio comparativo inxustificado cara aos cidadáns deste concello, e que baixo ningún concepto aceptarei xamais unha decisión que xoga arbitraria e irresponsablemente coa saúde dos nosos veciños”.

López Orozco conclúe a súa misiva sinalando “por iso, solicítolle a vostede, como único interlocutor válido, esta entrevista, que é preferente na miña axenda, quedando xa dende este momento aceptados o día e a hora que fixe para a súa celebración, esperando que, como no caso deste Alcalde, a saúde dos lucenses sexa prioridade para o Presidente da Xunta”.

Noticias relacionadas