O Alcalde de Lugo salienta a consolidación do Arde Lucus MMIX no que participaron máis de 460.000 persoas

Luns, 29 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Xuventude, Rosana Rielo, fixeron balance da última edición do Arde Lucus que se celebrou dende o venres ata a noite do domingo na cidade e que reuniu a máis de 460.000 persoas. López Orozco salientou a consolidación da festa que ano tras ano aumenta a afluencia de público. Lucenses e visitantes desfrutaron desta festa que ten xa un gran recoñecemento como se demostrou coa cobertura do evento que realizaron os medios de ámbito nacional.

Un dos acontecementos que máis público reuniu foi o circo romano, así como a queima da muralla ou a exhibición de vigas no parque de Rosalía de Castro. As vodas celtas e romanas, os desfiles, a venda de escravos, as olimpíadas, o concerto de Triquel, foron outros dos eventos que máis número de persoas reuniron na cidade.

Os establecementos hoteleiros de Lugo tiveron unha ocupación ao longo da fin de semana de practicamente o cen por cen. A procedencia dos visitantes era na súa maioría de: Galicia, Asturias, Castela-León, pero tamén de Madrid, Extremadura, Zamora, Aragón, e Baleares. Do estranxeiro achegáronse á cidade ingleses, portugueses e italianos.

A Concelleira de Xuventude indicou que os comercios case remataron os produtos para caracterizarse para a festa e os establecementos hostaleiros tiveron que repoñer moitas das súas existencias. A tabernae sita na praza da Soidade tamén atendeu a un bo número de comensais: entre 4.000 e 5.000 persoas.

Rielo explicou que tendo en conta o número de participantes na festa o Concello investiu menos de 50 céntimos por persoa, e calcúlase que a cidade recibiu case 10 millóns de euros.

A pesar da participación masiva, o programa desenvolveuse sen incidencias, polo esforzo realizado polos técnicos da Concellería de Xuventude e polos de máis servizos implicados na festa: Protección Civil, os servizos de limpeza, os servizos eléctricos, Policía Local e Bombeiros. O Alcalde subliñou que “tamén foi grazas ao comportamento das persoas como verdadeiros cidadáns”.

O Alcalde agradeceu á cidadanía lucense o modo no que se volcaron coa festa, ao vestirse de romanos e participar nas máis de 250 actividades organizadas. “O éxito é de todos e todas as lucenses, fomos testemuñas de excepción de que a cidadanía colleu a festa como súa”.

Tanto o Alcalde como a Concelleira indicaron que “comezaremos xa a traballar para que a edición do Arde Lucus MMX sexa un éxito maior se cabe”.

Web Arde Lvcvs

Multimedia

Noticias relacionadas