O Alcalde de Lugo recoñece o traballo silencioso dos homes e mulleres de toda España que colaboran na loita contra as drogas

Venres, 26 de xuño de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O acto de entrega desta distinción celebrouse hoxe no Ministerio de Sanidade e Política Social en Madrid

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recoñeceu esta mañá “o traballo silencioso dos homes e mulleres de toda España que colaboran na loita contra as drogas”. Así o sinalou esta mañá en Madrid onde foi condecorado coa Cruz Blanca de la Orden al Mérito do Plan Nacional sobre Drogas, distinción que recibiu de mans da Ministra de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez.

Na súa intervención, José López Orozco, en representación dos galardoados coa Cruz Blanca, destacou que a todos eles os une un mesmo obxectivo, o de acabar coa lacra das drogas. “Sei que vivimos experiencias diferentes, pero o noso compromiso ao final é o mesmo”, indicou.

O Alcalde de Lugo explicou que o Concello leva anos traballando de forma activa na loita contra as drogodependencias desde o ámbito da prevención. Así, recoñeceu que se trata dunha loita pouco recoñecida na que “nada do que facemos ten sentido se non se realiza un traballo de cooperación, coordinado, un traballo en equipo”.

Así mesmo, López Orozco dedicoulle á cidadanía de Lugo a distinción “que non sería posible sin a implicación plena dos veciños e veciñas da miña cidade en cada unha das actividades de prevención que temos posto en marcha”, explicou.

Traballo activo de prevención

Neste sentido, asegurou que desde o Concello de Lugo se leva varios anos traballando de forma activa na prevención das drogodependencias, e na educación e formación dos mozos, para que coñezan as consecuencias para a súa vida, “de hábitos tan prexudiciais como son o consumo de drogas e alcol”.

O Alcalde de Lugo recordou que o Concello forma parte do Comité Executivo da CICAD, un órgano da OEA que traballa na loita contra as drogas ilícitas. “Con eles coñecemos verdadeiros dramas en países nos que o crime organizado e as mafias, impiden o desenvolvemento social e marxinan a pobos enteiros. Poñer fin a eses dramas reais xustifica o noso traballo, o voso traballo”, destacou.

López Orozco agradeceu publicamente o traballo da delegada do Plan Nacional sobre Drogas, Carmen Moya, así como o apoio da Ministra, Trinidad Jiménez. Ademais, ofreceu a Cruz Blanca á cidade de Lugo.

Proxecto EU-LAC

A condecoración honra os méritos do Alcalde ao impulsar a realización do proxecto EU-LAC Alianza de Ciudades en Tratamiento de Drogas destinado a crear alianzas de cooperación entre cidades de Europa, América Latina e o Caribe, liderando a participación das cidades españolas no mesmo. Así, tal e como indicaba a publicación do galardón no Boletín Oficial do Estado, concédeselle a Cruz ao Alcalde de Lugo “como mostra de público recoñecemento e en agradecemento á labor que ven desenvolvendo nos últimos anos”.

O obxectivo da Orden del Mérito del Plan Nacional sobre Drogas ocúpase do recoñecemento e condecoración dos que se fan merecedores da gratitude e honra da sociedade polo seu esforzo, o seu labor e capacidade de entrega solidaria, continuada e desinteresada, no campo da prevención do consumo e a loita contra o tráfico de drogas.

Outros premiados

Os premios da Orde ao Mérito teñen tres categorías: ouro, prata e cruz branca, que se conceden con motivo do vixésimo aniversario da Fiscalía Especial Antidroga e todos eles cumpriron xa vinte anos ao servizo da Fiscalía Especial Antidroga.

Este ano, a Medalla de Ouro foille concedida a Nora Volkow, Directora do Instituto de Investigación sobre Drogodependencias de Estados Unidos. As Medallas de Prata foron recollidas por Santiago de Torres Sanahúja, Francisco Pérez Pérez, Emilio Baos Arrabal, Bartolomé Barceló Oliver, José María Lombardo Vázquez, Alfonso Demetrio Sánchez López e Luis Alfonso Sanz Marqués.

As Cruces Brancas recaeron no Alcalde de Lugo, José López Orozco, Eduardo Gómez Basterra, Esteban Gutiérrez Ramírez, Manuel Rodríguez González, Juan Carlos Siles Reguera e José Vallecillo Carmona.

A concesión de estas catro Cruces solicitouna a Secretaría de Estado de Seguridade. Outórgaselle a representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado que se distinguiron na loita contra o narcotráfico.

Multimedia

Noticias relacionadas