O Alcalde de Lugo recibe a visita de dúas integrantes do proxecto "As mulleres alimentan o mundo"

Mércores, 23 de marzo de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, recibiron esta mañá, no Salón Comisións da Casa Consistorial, a Eva Pineda, de Aldea Global (Nicaragua), e Eranga Samarakoon de BioFoods (Sri Lanka), participantes no proxecto “As mulleres alimentan o mundo”.

Ambas mulleres, acompañadas de varios membros de diversas ONG, compartiron co Alcalde de Lugo e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, as súas inquedanzas e preocupacións en torno a situación da muller nos seus países de orixe.

Eva Pineda e Eranga Samarakoon atópanse en Lugo para participar na táboa redonda “Experiencias de produción no Sur” que se celebrará esta tarde, a partir das 20.00 horas, no local de Taller de Solidariedade na rúa Ramón Montenegro nº17. Esta actividade está organizada por A Cova da Terra en consorcio con Amigos da Terra, Intermón Oxfam, Panxea e Taller de Solidariedade, coa colaboración de Axuda en Acción e Solidariedade Internacional de Galicia, e forma parte do proxecto “Mulleres e comercio xusto: elas alimentan o mundo”.

O Alcalde de Lugo, que mostrou moito interese por coñecer a situación real das mulleres en Nicaragua, animou a seguir traballando neste sentido para garantir a total igualdade entre homes e mulleres. López Orozco entregoulles a cada unha delas un exemplar do libro “Todas as cousas son imposibles mentres o parecen”, editado pola Concellería de Benestar Social e Igualdade, e que recolle historias e vivencias de cen anos de historia de mulleres.

Proxecto “As mulleres alimentan o mundo”
O consorcio nacido dentro da Comisión de Comercio Xusto da CGONGD'S, pretende sensibilizar á sociedade galega en dous eidos importantes: O Comercio Xusto/Consumo Responsable e o Xénero. Enténdese que para lograr esta misión, é necesario propiciar cambios estruturais que contribúan á erradicación da inxustiza e a pobreza no mundo, e é preciso levar a cabo unha acción dirixida a modificar os valores que sustenta o modelo de sociedade que temos na actualidade e a promover unha acción solidaria que contribúa a modificar as estruturas vixentes. E moitos destes cambios de valores e estruturas teñen que comezar pola sociedade do Norte.
Nesta liña, este consorcio busca incidir e sensibilizar na sociedade galega a través de dos temas citados anteriormente, neste caso o Comercio Xusto/Consumo Responsable e a Muller facendo especial fincapé nas mulleres do rural que aseguran grazas o seu traballo a alimentación das familias o seu cargo. Para iso, traballarase con mulleres rurais organizadas de Galicia mediante obradoiros de formación. Destes contactos xurdirá a base para a celebración dunhas xornadas onde xunto con mulleres do sur debaterase a problemática concreta das mulleres produtoras e súa aportación ó desenvolvemento dos pobos.

Aproveitando a plataforma internacional do día do comercio xusto, as 5 organizacións consorciadas apoiadas polo resto de ongd’s pertencentes a comisión de comercio xusto da coordinadora galega de ondgd’s, pretenden achegar á poboación o movemento do comercio xusto e a situación das mulleres produtoras do Sur. Todo isto mediante materiais divulgativos, obradoiros e a propia vivencia das mulleres. Ademais de crear unha cidadanía responsable e consciente dos seus hábitos de consumo e impacto dos mesmos, fomentar o consumo do comercio xusto permitirá aumentar as compras aos grupos produtores e produtoras, fortalecer as cooperativas e mellorar o nivel de vida dos seus afiliados e afiliadas e das súas familias, obxectivo especialmente critico neste momento de crise global que, está a afectar de maneira máis acusada aos países do Sur e en especial aos pequenos produtores e , abrigo, mulleres produtoras.

As cifras reflicten que a pobreza afecta de maneira especial ás mulleres: o 70% dos 1.200 millóns de persoas que viven na pobreza, son mulleres. Ademais, en todo o mundo elas reciben menos salario polo mesmo traballo. A pesar de ser propietarias só dun 1% da terra no planeta, son as principais produtoras de alimentos: contribúen entre o 70-80% na alimentación en África subsahariana, o 65% en Asia e o 45% en América Latina. Por todo isto, a igualdade de xénero é unha prioridade para as asociacións.

Mediante este consorcio preténdese reafirmar o apoio aos grupos produtores e produtoras, dando voz ás súas necesidades a través da sensibilización da cidadanía no Norte. Este proxecto incide no eido da Muller e o comercio xusto, concretamente busca atopar sinerxias entre mulleres do rural galego a as mulleres produtoras do Sur, que participan en proxectos ou iniciativas de comercio xusto. Para elo farase primeiramente unha labor de Sensibilización en colectivos de Mulleres produtoras rurais de Galicia, contactándose a través de diversas asociacións e sindicatos do eido agrario. Para poder facer un maior acercamento farase un Encontro de Mulleres Rurais de Norte e Sur, con 3 mulleres produtoras rurais de comercio xusto.

Obxectivo
O obxectivo responde á necesidade de incidir na labor de difusión no rural galego, con máis dificultades para acceder a este tipo de información, así como continuar o traballo xa iniciado nas principais cidades galegas. Dada a importancia do papel da muller como provedora de alimentos no Sur e consumidora final no Norte, e tendo en conta a necesidade de abordar a desigualdade de xénero no ámbito da cooperación ó desenvolvemento, esta será a liña argumental dos contidos da campaña.
O proxecto conta con tres fases:

1ª Fase:
- Contacto co grupo de mulleres rurais galegas.
- Planificación das sesións formativas, nas que se abordaron contidos relacionados co Comercio Xusto e consumo responsable, facendo fincapé no papel da muller produtora e a súa situación nos países do Sur.

Fixéronse un total de 12 sesións formativas con grupos de mulleres de diferentes puntos de Galicia.

2ª Fase:
Encontro mulleres rurais Norte-Sur.
Como un dos actos centrais da campaña, realizarase un Encontro de Mulleres Rurais no que participen as produtoras de Comercio Xusto invitadas. Así mesmo, e sen perxuizo de facer unha convocatoria aberta, serán invitadas as mulleres que tiñan participado nas distintas sesións informativas previas. Neste acto se expoñerán as situacións de desigualdade, e explotación ás que se enfrontan as mulleres rurais tanto no Norte coma no Sur, as particularidades de cada unha das áreas xeográficas representadas e a contribución que, dende o consumo, se fai de cara a perpetuar ditas situacións. Así mesmo, e a modo de conclusión abordarase cómo dende o movemento de Comercio Xusto pódense introducir cambios de cara á consecución dunhas relacións comerciais máis xustas e equitativas. Unha vez concluído o encontro, elaborarase un documento-resumo do mesmo que será distribuído e socializado por todas as organizacións implicadas.

3ª Fase:
Celebración do Día Mundial do Comercio Xusto.
Co galo das celebracións do Día Mundial do Comercio Xusto, en maio, realizaranse actividades de difusión e promoción do Comercio Xusto. Co fin de chegar a un maior grupo de persoas, os actos de celebración terán lugar nas rúas e prazas principais das diferentes cidades galegas.

Encontro Internacional de Mulleres
Como un dos actos centrais da campaña, realizarase un Encontro de Mulleres Rurais. Este terá lugar os días 25 e 26 de marzo no Auditorio Municipal de Lalín.
Neste participarán as mulleres que participaron nas sesións formativas, onde darán a coñecer as súas iniciativas e proxectos. E contará coa presencia de mulleres de América Latina, Asia e África.

O acto contará coa participación de Eva Pineda de Aldea Global (Nicaragua), Eranga de Bio Foods (Sri Lanka) e Armanda de Presidenta da Associação para o Desenvolvemento Integral de Rui Vaz –ADIRV.

Currículo Eva Pineda (Aldea Global)
Eva Francisca Pineda é coordinadora de xénero, dende hai 3 anos. Entre as súas funcións, está desenvolver procesos de reflexión e capacitación para disminuir as desigualdades de xénero, promover a participación de mulleres asociadas en espazos de toma de decisión; organizar e acompañar a mulleres organizadas en grupos baixo a modalidade de grupos solidarios para o desenvolvemento de pequenas iniciativas económicas que contribúan o empoderamento; coordinación con outras organizacións mediante a participación de mulleres en espazos políticos de carácter nacional (Comisión territorial en Jinotega, Movimiento de mujeres Flores del Café, coordinadora nacional por los derechos de las mujeres entre outras). Tamén participa na elaboración de proxectos e propostas de acción e traballo que contribúen a reducir as desigualdades de xénero, e da apoio e acompañamento á comisión de xénero conformada por produtoras e produtores asociadas e asociados integrantes de órganos de toma de decisión.

Currículo Eranga Samarakoon
Eranga Samarakoon traballa na xestión de proxectos en BioFoods dende xuño de 2010. O seu traballo inclúe a identificación, planificación e o desenvolvemento dos proxectos con familias campesiñas. Fai acompañamento, análise e avaliación do progreso dos proxectos. A súa experiencia esténdese no empoderamento e a mobilización das comunidades de agricultores cara modelos máis sostibles de produción, principalmente buscando facilitar o acceso aos mellores mercados para os seus produtos. A súa labor é adecuar a produción á demanda que existe dende os países do Norte, garantindo mercado para os produtores. Traballando no sector privado, Eranga, adquiriu experiencia en empresas comerciais, tanto na administración e xestión de recursos humanos e financeiros, como no sector de ventas e marketing.
Actualmente imparte clases no Master en Estudios de Desarrollo na Faculty of Graduate STUDIES, na Universidad de Colombo, Sri Lanka, en asignaturas como o Desenvolvemento Comparativo Económico, Teorías do Desenvolvemento, a Política de Desenvolvemento e Procedementos, o Desenvolvemento Rural, o Xénero e o Desenvolvemento.

Currículo de Armanda Moreira
Armanda Moreira é presidenta da Associação para o Desenvolvimento Integral de Rui Vaz –ADIRV (Cabo Verde). A asociación foi fundada en 197, co obxectivo de desenvolver a comunidade de Rui Vaz, Cidade de Prata. Dirixido a autopromoción e mellora das condicións de vida da poboación, sensibilización e educación da comunidade, promovendo o autoemprego e mellorar a vida das persoas leváronse a cabo varias accións. Esta asociación leva a cabo un proxecto de fabrica de queixos, unha gran oportunidade para os agricultores do municipio para poder aumentar os ingresos familiares. Así a preocupación coa calidade do produto empeza pola leite e as condicións do ganado e a hixiene. É unha asociación albergada no microcrédito, que logrou que as mulleres coñeceran mellor os seus dereitos, se melloraron as condicións da comunidade.

 

Multimedia

Noticias relacionadas