O Alcalde de Lugo e o Delegado do Goberno visitan as obras do FEIL que permitiron crear 974 postos de traballo

Luns, 20 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

* O Alcalde de Lugo destaca que se cumpriron os obxectivos fixados no Plan Zapatero: facer obras, contratar dotacións e crear emprego
* López Orozco e Antón Louro visitaron tres actuacións na zona rural, así como as obras de construción da Escola Infantil de Montirón e a dotación de servizos en Ramón Ferreiro

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron esta mañá varios puntos do municipio para inspeccionar a execución dos proxectos que o Executivo central financia a través do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). Trátase dunhas actuacións que permitiron a creación de 974 postos de traballo o que, tal e como salientou o Alcalde de Lugo, “permitiu superar as expectativas que se marcaron”.

Na visita, na que tamén participou o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e os concelleiros de Medio Ambiente e Infraestruturas do Goberno Local, percorreron as obras de Argonde e Birbigueira (parroquia de San Xoán do Campo) e Piñeiro (parroquia de Piñeiro), a pavimentación e dotación de servizos na Avenida de Ramón Ferreiro, así como a construción da gardería infantil municipal en Montirón-Sanfiz.

O Alcalde agradeceu a visita do delegado do Goberno , ao tempo que explicou que as obras do “Plan Zapatero” foron repartidas entre a zona rural e os barrios da cidade para que todos os veciños puidesen verse beneficiados.

Modernización do rural
Neste sentido, indicou que na zona rural se realizaron actuacións en 42 pistas que permitirán que 54 parroquias teñan aglomerado en quente, o que segundo salientou “vén a significar progreso, modernización e facer que os veciños do rural vivan nas mellores condicións”.

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo explicou que coa apertura da Escola Infantil de Montirón a cidade “avanzará non só na educación senón na conciliación da vida laboral e familiar”. Neste sentido, recordou que hai tres escolas infantís en marcha que abrirán as súas portas antes de finais de ano.

A resposta do Concello de Lugo demostra, destacou López Orozco, a responsabilidade dos Concellos por ter sido capaces de acometer proxectos que solucionen os problemas que ten a xente. Así, indicou que o esforzo do Goberno de España con Lugo se viu recompensando e “se cumpriron os obxectivos fixados, que pasaban por facer obras, contratar dotacións e crear emprego”.

Multimedia

Noticias relacionadas