O Alcalde de Lugo anunciou o inicio de catorce novos cursos do Lugo Emprego Activo 2 dirixidos a 135 desempregados

Dende o 2013 formaron parte deste programa de formación preto de 1.000 persoas desempregadas

Luns, 23 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, anunciaron esta mañá o inicio da última fase do programa de formación Lugo Emprego Activo 2 e que dende o ano 2013 formou a 970 desempregados.

En total serán 9 accións formativas diferenciadas en dous bloques e que estarán dirixidos a desempregados en xeral (Itinerario 1) e a desemprados maiores de 45, de longa duración e colectivos en risco de exclusión social (Itinerario 2). Desta maneira, aquelas persoas inscritas nas oficinas de emprego poderán optar por formación de monitor de turismo activo, atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, impresión dixital, coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer, e monitor de ludoteca.  Ademais tamén se realizarán cursos de operacións básicas de catering, operacións básicas de restaurante e bar, técnico de transporte sanitario e operacións auxiliares de montaxe de redes electricas.

López Orozco sinalou que “dende o Concello seguiremos buscando fondos para poder seguir invertindo en formación, aínda que a administración central e autonómica queira eliminar esta competencia dos concellos, porque é un elemento básico para o búsqueda de emprego”.

Pola súa parte, Esther Muñóz, lembrou que se fixo un estudo de mercado para coñecer cales son os sectores con máis demandas para poder formar aos participantes que ademais realizan prácticas en empresas. Neste sentido, tamén explicou que todos os seleccionados reciben unha beca para o transporte para facilitarlles a asistencia aos cursos que teñen un total de 15 prazas cada un.

Na actualidade estanse desenvolvendo a terceira e cuarta fase do Lugo Emprego Activo 2 que dende xaneiro imparten  14 cursos de Monitor de Turismo Activo, Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións, atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio, impresióln dixital, coidador de persoas dependentes e enfermas de alzheimer e monitor de ludotecas,cursos de enquisador, operacións básicas de catering, acabado de carpinteria e moble, elaborador de produtos lácteos, técnico en transporte sanitario, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, operacións básicas de restaurante e bar e operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas. En total máis de 200 alumnos desempregados están actualizando a súa formación de cara a súa entrada no mercado laboral.

As persoas que participan no proxecto entran a formar parte dun itinerario de inserción socio laboral con formación teórico práctica, encamiñada a desenvolver as capacidades das persoas participantes e acadar un nivel adecuado de coñecementos para a súa inserción no mercado laboral. O orzamento total do Lugo Emprego Activo é de 1.549.310 euros, financiados polo Fondo Social Europeo nun 80% do orzamento e o Concello de Lugo nun 20%.

O proxecto Lugo Emprego Activo 2 é un plan integral a favor do emprego dos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral e facilitar o acceso ó mundo laboral das persoas que sofren algún tipo de dificultade para integrarse ou reintegrarse nun mercado de traballo que debe estar aberto a todos e a todas.

Noticias relacionadas