O Alcalde da o bandeirazo de saída aos corredores do IV Rali Cidade de Lugo

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío abriron o IV Rali Cidade de Lugo ás 10 da mañá, cando o Alcalde deu o “bandeirazo” de saída ao primeiro participante. A carreira a organizan en colaboración o Concello de Lugo, a Asociación Lucense de Automóbiles Antiguos e Clásicos e os Concellos de Meira e Rábade. Esta proba, que se celebra por cuarto ano consecutivo, desenvolverase ao longo da xornada por estradas de Lugo, Meira e Rábade.

A carreira convocou na cidade 40 coches antiguos, algúns tan míticos como o Porsche Carrera 911, o Gordini, o BMW 2002TI ou os clásicos Mercedes, o Mini ou o Renault 8. Moitos lucenses achegaronse esta mañá ata a Praza Maior para contemplar a beleza destes vehículos, algúns considerados aunténticas xoias do coleccionismo de automóbiles.

Este ano batiuse un récord de participación ao contar con corenta inscritos. Os condutores teñen que amosar as súas habilidades e a destreza na condución nun percorrido de preto de 400 quilómetros. O trazado da proba mantívose en segredo ata o momento mesmo da saída para evitar adestramentos previos. Este rali non é unha proba de velocidade, senón que os participantes compiten por amosar as súas habilidades e destreza na condución, pois as velocidades medias rondan os 50 quilómetros por hora. Ademais, esta carreira puntua para o Campionato Galego de Automóbiles Antiguos.

Esta carreira estase a convertir nun acontecemento deportivo plenamente afianzado e nun referente entre os afeccionados ao mundo do motor. Tanto o Alcalde como a directiva da asociación amosaron a súa satisfacción pola expectación causada entre o público “pois estes acontecementos serven para promocionar a cidade e atraen a moitos seguidores”, explicou López Orozco.

A proba, que comezou ás 10:00 horas, está previsto que remate preto das 20:00 horas e a meta estará instalada na Praza Maior, diante do Concello. A entrega dos trofeos terá lugar en Rábade onde rematará esta festa automobilística cunha xuntanza gastronómica.

Noticias relacionadas