O Alcalde asina dous novos convenios para a cesión de terreos destinados á construcción do futuro colexio do Sagrado Corazón

O Concello avanza así nas xestións para facerse cos 10.000 metros cadrados esixidos pola Xunta

Venres, 13 de febreiro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, asinou hoxe dous convenios para a cesión ó Concello de senllas parcelas no barrio do Sagrado Corazón.

Con esta sinatura dos convenios coa propiedade das dúas parcelas, o Concello de Lugo avanza nas xestións que está a desenvolver a Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, para asegurar, a pesar das dificultades, a obtención dos terreos requeridos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co obxectivo de construir un novo colexio no barrio do Sagrado Corazón.

A finalidade dos dous convenios urbanísticos é facer posible que o Concello de Lugo poida poñer a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dos terreos para a construcción dun novo CEIP nas inmediacións do actual centro e sempre dentro do barrio do Sagrado Corazón, en colaboración cos veciños propietarios no sector S-5.R de Burozos.

As dúas parcelas contan cunha superficie total de 1.606 metros cadrados. O Concello xa ten asinados catro convenios, cos que logrou a cesión de 3.718 metros cadrados dos 10.000 que reclama a Xunta, e continúa cos xestións para obter o resto da superficie esixida pola Consellería. 

Os dous documentos asinados hoxe polo Alcalde teñen natureza de convenio urbanístico de planeamento, coa propiedade das dúas parcelas que cede a favor do Concello os terreos da súa propiedade, libre de cargas e gravames e de forma totalmente gratuíta.

Esta cesión faise reservando ó seu favor o aproveitamento urbanístico susceptible de apropiación correspondente a eses terreos, para facelo efectivo no instrumento de equidistribuición de beneficios e cargas que se tramite no futuro con motivo da execución do Plan Parcial que desenvolva o Sector “LUGO S-5.R”, permitindo expresamente a súa ocupación dende a data da sinatura para que o Concello poida poñelo a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Noticias relacionadas