O 20% dos mozos e mozas que participaron no programa Empregalia impulsado polo Goberno atopou traballo nada máis acabar a formación

A Alcaldesa e a Concelleira de Economía entregaron os diplomas aos asistentes ás accións formativas impartidas sobre ámbitos profesionais con alta capacidade de inserción laboral, como aplicación e manexo de drons, dinamización de actividades de tempo libre, socorrismo,  hostalería ou xardinería

O Concello ten en marcha políticas de emprego por máis de 2M€ que benefician a preto de 300 persoas, entre elas, o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, o viveiro de empresas da Tinería, dous obradoiros de emprego, o Plan Mellora Lugo e o CEI Nodus

Martes, 11 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O 20% dos mozos e mozas que participaron no programa Empregalia impulsado polo Goberno atopou traballo nada máis acabar a formación

A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, entregaron este martes no CEI Nodus os diplomas aos mozos e mozas que participaron en Empregalia, o programa impulsado polo Goberno con fondos que logrou captar da Unión Europea para favorecer a inserción laboral a través da formación especializada en ámbitos profesionais de alta demanda e con perspectivas de crecemento, relacionados coa tecnoloxía, turismo e lecer. Como explicou Méndez, dos 132 participantes, o 20% xa atopou traballo nada máis finalizar as accións formativas, unha porcentaxe indicativa do éxito da iniciativa e con expectativas de subir nos vindeiros meses.

A rexedora felicitou aos participantes neste programa, que enmarcou no compromiso do Goberno coas políticas de emprego, aínda non sendo esta unha competencia directa da Administración local. Méndez subliñou que o Concello ten en marcha plans por máis de 2M€ que benefician a preto de 300 persoas, entre elas, o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, o viveiro de empresas do barrio da Tinería, dous obradoiros de emprego sobre difusión do patrimonio a través de medios dixitais, o Plan Mellora Lugo e o propio CEI Nodus, centro que puxo a disposición dos rapaces e rapazas que hoxe recolleron o diploma de Empregalia para seguir coa súa formación ou proxecto.

Dotado con 644.000€, dos que a UE achegou o 92%, Empregalia ofreceu formación a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade, inscritos no Programa Nacional de Garantía Social, en sete ámbitos: aplicación e manexo drons; actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; socorrismo en espazos acuáticos naturais; socorrismo en instalacións acuáticas; operacións básicas de cociña; operacións básicas de cátering; e dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil.

Impartíronse 10 edicións destes 7 itinerarios, en dúas fases, entre os meses de abril e novembro. Os alumnos e alumnas recibiron titorización, orientación e axuda na procura de emprego, así como unha bolsa económica en función das horas asistidas e o material necesario para o correcto aproveitamento do curso.

Certificado de profesionalidade

O Concello conseguiu que os participantes neste plan de emprego reciban o certificado de profesionalidade, asinando para elo un convenio coa Xunta de Galicia en febreiro. Este certificado aumenta aínda máis as súas posibilidades de inserción laboral, optimizando ao mesmo tempo o uso dos fondos públicos. Os itinerarios formativos homologables son todos, excepto o de drons, cuxo alumnado ten agora acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Noticias relacionadas