Novembro remata cun 24% máis de turistas que visitaron a Oficina Municipal de Turismo que o mesmo mes do 2015

Para o Goberno Municipal a mellora constante dos visitantes, tanto nacionais como estranxeiros, é un indicador moi significativo do interese que esperta a cidade de Lugo, tanto en  España como no estranxeiro

Sábado, 10 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As cifras de turismo continúan sendo boas para a cidade de Lugo. O número de visitantes que pasou pola Oficina Municipal de Turismo ao longo do mes de novembro ascendeu a 1.660. Isto supón un 24% máis respecto ao mes de novembro do ano pasado, no que se rexistrou a visita de 1.260 persoas. O día que máis turistas se achegaron á Praza do Campo foi o 5 de novembro, con 137 demandantes de información.

Madrid e Castela e León son un mes máis os lugares de orixe de onde proceden moitos dos visitantes nacionais, neste caso un 36%. Por comunidades, séguenlles os de Andalucía, Cataluña e Cantabria. No que se refiere aos visitantes foráneos, foron os estadounidense, franceses, arxentinos e italianos os que máis interesados se amosaron en coñecer o patrimonio histórico e cultural de Lugo.

Por outra banda, no que se refire á visita aos museos municipais, foron máis de 1.700 os que se achegaron ás instalacións da rede museística municipal. As que acolleron máis visitas foron a Casa dos Mosaicos e a Domus do Mitreo.

Para o Goberno Municipal a mellora constante dos visitantes, tanto nacionais como estranxeiros, é un indicador moi significativo do interese que esperta a cidade de Lugo, tanto en España como no estranxeiro. Nesta liña traballa o Concello, ofrecendo ao longo de todo o ano alternativas turísticas relacionadas coa cultura e o lecer, como rutas turísticas.

Noticias relacionadas