As novas reparacións da varanda instalada no Carme debido as actuacións vandálicas triplican o seu custe inicial

O Concello acometerá, por segunda vez, o arranxo e reposición deste elemento de protección, instalado en maio do pasado ano, nun tramo de 40 metros da rúa Vicedo.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, pide “respecto e civismo para evitar que se repitan estas actuacións que atentan contra o patrimonio de Lugo e dos lucenses”.

A varanda será reposta na semana posterior á Semana Santa e reforzarase o seu anclaxe para tratar de previr novos desprendementos.

Xoves, 25 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As novas reparacións da varanda instalada no Carme debido as actuacións vandálicas triplican o seu custe inicial

O Goberno de Lara Méndez instalou en maio do pasado ano unha varanda de madeira nun tramo duns 40 metros da rúa Vicedo, no barrio do Carme, para aumentar a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía debido ao aumento de persoas que, tras o confinamento, paseaban por este barrio. En menos dun ano, o Concello acometerá por segunda vez o seu arranxo e reposición debido a diferentes actos vandálicos que teñen provocado, nalgunha zona, o desplome deste elemento de seguridade.

Neste senso, Lara Méndez pediu “respecto e civismo para evitar que se repitan estas actuacións, causadas por unha minoría, que atentan contra o patrimonio de Lugo e de todos os e as lucenses. Máis cando se trata dunha zona moi próxima á Muralla, pola que discorre o Camiño de Santiago e, polo tanto, moi frecuentada tanto polos veciños do barrio, como polos peregrinos que que nos visitan”.

Esta varanda colocouse ancorada a un muro de pedra para dar seguridade aos viandantes e evitar unha posible caída accidental, e conta con dúas cancelas de madeira que dan acceso a leiras. O custe inicial da mesma foi de case 2.000 euros, porén as obrigadas reparacións triplicaron este importe, ata chegar aos 6.000 euros de inversión municipal.

A nova actuación levarase a cabo na semana posterior á Semana Santa e, ademais de repoñer a varanda, reforzarase o seu anclaxe para tratar de previr novos desprendementos. Os traballos terán unha duración aproximada de tres días.

Noticias relacionadas