Nova sinalización en 7 parroquias das marxes da ribeira alta do Miño para potenciar o turismo no rural de Lugo

Carmen Basadre e Nava Castro supervisaron este xoves os resultados do plan de sinalización turística que o Concello acometeu en 7 parroquias e en 10 elementos culturais e paisaxísticos destes lugares

A sinalización servirá para artellar unha ruta de sendeirismo a carón do Miño, que se enmarcará no programa de promoción turística Terras de Auga e Cultura, no que participaron máis de 800 persoas no 2015

Xoves, 07 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Nova sinalización en 7 parroquias das marxes da ribeira alta do Miño para potenciar o turismo no rural de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, supervisaron este xoves os resultados dos traballos do plan de sinalización turística que se acometeron en 7 parroquias das dúas marxes da ribeira alta do Miño e en 10 elementos culturais e paisaxísticos destes lugares, co fin de pór en valor e incrementar o turismo na zona rural do municipio.

Trátase dun proxecto levado a cabo polo Concello de Lugo e financiado pola Axencia de Turismo de Galicia con 50.000 euros, que busca dar unha visión de conxunto da riqueza da paisaxe cultural, ofrecer información sobre determinados recursos de interese patrimonial e paisaxístico e facer accesible a información a todas as persoas.

Tras a visita, Basadre destacou a importancia da sinalización, que nace da necesidade de achegar información de interese cultural e paisaxística aos visitantes do territorio rural, ao tempo que deu a coñecer que “esta sinalización servirá para artellar unha ruta de sendeirismo a carón do río Miño, Roteiro polas ribeiras altas, que se enmarcará no programa de promoción turística Terras de Auga e Cultura, no que participaron máis de 800 persoas no 2015 en preto de 40 excursións, que discorreron por 8 parroquias do rural”. Deste xeito, estas sete parroquias súmanse ás que se atopan integradas dentro do circuíto turístico, que son Romeán, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda e San Pedro Mera; xunto aos Concellos do Corgo e Rábade.

“A zona ten un enorme potencial, representado por unha gran riqueza, tanto patrimonial como natural, ao tratarse de zonas protexidas. Por iso, este tipo de medidas permite, entre outros beneficios, xerar modelos de turismo sostible ao tempo que se contribúe a mellorar o nivel de protección e conservación ao percibirse como elementos de gran valor”, subliñou a edil.

7 enclaves paisaxísticos e 10 culturais

Con este proxecto creouse unha rede de indicadores estáticos uniformes de dous tipos: directorios planímetros con información cultural e paisaxística para cada unha das 7 parroquias rurais, e sinais interpretativos para cada un dos 10 elementos culturais e paisaxístico desta zona. A sinalización realizouse con suma prudencia, colocándose co menor impacto posible na paisaxe e con materias respectuosas co medio ambiente. Así, por exemplo, empregáronse tintas ecosolventes na impresión dixital.

En canto aos sinais parroquiais, o plan incluíu un directorio planímetro para cada unha das setes parroquias: Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro da Ponte.

O proxecto contemplou un sinal identificativo ou interpretativo de cada un dos seguintes elementos culturais e paisaxísticos do rural do Concello de Lugo: Aceña do Rei Chiquito-Caneiro de Don Pepito (Adai); Igrexa Parroquial de Bocamaos, Caneiro de Meilán, Igrexa Parroquial de Meilán, Capela de Riazón (Ombreiro); Igrexa Parroquial de Xuxaos, castro e aldea de Penarrubia (Orbazai); Igrexa de San Lázaro da Ponte, Hospital Carlos III (San Lázaro); Igrexa Parroquial de San Vicente de O Veral e Igrexa de San Matías (O Veral).

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a sinalización dos elementos culturais e paisaxísticos do rural do Concello de Lugo|Descargar mp3

Noticias relacionadas