A nova RPT do Concello de Lugo entrará en vigor o 1 de xuño como paso imprescindible para a modernización da administración local

A Xunta de Goberno celebrada hoxe aprobaba o documento co que o goberno de Lara Méndez corrixirá as deficiencias detectadas nos últimos meses pola Intervención Municipal en materia de persoal

Na sesión desta semana autorizouse tamén a contratación dun servizo 24H de reparación de avarías nas redes de abastecemento e saneamento

En materia urbanística, o executivo local deu o visto bo inicial aos estudos de detalle para a ordenación de dúas parcelas no Polígono de As Gándaras

Mércores, 27 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A nova RPT do Concello de Lugo entrará en vigor o 1 de xuño como paso imprescindible para a modernización da administración local

O Concello de Lugo contará a partir do vindeiro luns, 1 de xuño, cunha nova Relación de Postos de Traballo como paso imprescindible para acometer a modernización da institución local, dentro da segunda gran transformación da administración iniciada co mandato de Lara Méndez.

O executivo agarda que nesa data poida entrar en vigor o documento, a primeira ordenación do persoal municipal que se materializa en 14 anos, e coa que o goberno de Lara Méndez pretende corrixir as deficiencias detectadas nos últimos meses pola Intervención Municipal en materia de recursos humanos.

Logo de que a principios de decembro a RPT fora aprobada en Mesa de Negociación pola unanimidade dos sindicatos - nun acordo histórico para o consistorio lucense - e de que concluíra o período de reclamacións, no que se presentaron 158 alegacións - o 95% reivindicando unha subida salarial - das que máis dun terzo foron parcial ou totalmente estimadas, esta mañá a Xunta de Goberno Local ratificaba o texto.

A rexedora subliña a súa transcendencia en tanto permitirá regularizar a situación laboral das e dos traballadores do Concello.

“Dende o primeiro momento sinalamos que o obxectivo fundamental desta RPT non era outro que o de crear unha estrutura organizativa ordenada, xerarquizada, áxil e eficaz. Así pois, procedeuse a realizar unha valoración individualizada de cada un dos postos que contempla, tendo en conta a necesidade legal de corrixir as anomalías descubertas nas nóminas dalgúns empregados, derivadas da ausencia dunha política retributiva común”, lembrou.

Á súa vez, a alcaldesa destacou que esta nova planificación propiciará o aumento da polivalencia do persoal, que poderá ocupar diferentes postos de traballo ao tempo que se incrementa a súa produtividade. “Igualmente, tivéronse en conta outras consideracións relacionadas coa aplicación da administración electrónica, circunstancia que esixe dunha modernización e dun novo contexto laboral, ademais de establecer criterios comúns á hora de cobrar o mesmo onde hai igualdade de responsabilidades”.

Pola súa banda, a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos engadiu que se trata do “punto de partida”, do instrumento técnico imprescindible para poder organizar o cadro de persoal da institución mais, sinalou, que “lonxe de ser unha ferramenta pechada, se trata dun mecanismo vivo e permeable que se irá perfeccionando e pulindo conforme as necesidades que se aprecien pero sempre atendendo ao criterio de que unha maior eficiencia interna redundará nunha mellor atención cidadá”.

Contratación dun servizo 24H de reparación de avarías nas redes de abastecemento e saneamento muncipais

Xa noutra orde de asuntos, na reunión que o equipo de goberno mantivo esta mañá aprobáronse varios expedientes de contratación. Os máis destacados: a apertura dos procedementos para licitar un servizo de execución e reparación de avarías na rede de abastecemento municipal, en apoio á Brigada de Augas, cun custo de 121.000 euros anuais, e doutro para asumir as intervencións que se sucedan nas canalizacións de saneamento da cidade, por valor de 50.000 euros ao ano.

Tamén arrancan os procesos para adquirir un vehículo de mando e comunicación para o servizo de prevención e extinción de incendios, ao que se destinarán 45.000 euros, e para subministrar os produtos químicos para o mantemento da auga das piscinas municipais, cun orzamento base de 17.634 €.

Así mesmo, procedeuse a adxudicar a obra de rexeneración de firme na estrada municipal que comunica a vía de servizo da N-VI ata o Cuco, na parroquia de Santo André de Castro, por importe de 15.721’42 euros e cun prazo de execución dun mes.

E, xa en materia urbanística, foron concedidas cinco licenzas para a ampliación dun establo en San Xoan do Campo e dunha vivenda unifamiliar en Pena da Mula, para acometer diversos traballos nunha nave/almacén en Conturiz e para construír un garaxe privado en Distriz, así como para proceder ás tarefas de conservación e mantemento nun inmoble da Rolda da Muralla.

Ademais, validáronse inicialmente os estudos de detalle para a ordenación de dúas parcelas no Polígono das Gándaras, determinando así os aspectos xenéricos das edificacións que conteñan, segundo os usos e ocupacións permitidos.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a entrada en vigor da RPT | Descargar mp3

Noticias relacionadas