A nova ordenación de tráfico do centro aumentará en máis dun cento as prazas de estacionamento

Rubén Arroxo: "seguimos traballando para mellorar os espazos de estacionamento na contorna do centro"

Comezou a instalación dunha nova dársena de autobuses na praza de Bretaña

Martes, 25 de maio de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A nova ordenación de tráfico do centro aumentará en máis dun cento as prazas de estacionamento

O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que a nova ordenación do tráfico no centro derivada dos cambios de tráfico relacionados coa peonalización da Mosqueira permitirán gañar máis de 100 prazas de estacionamento na contorna do centro da cidade.

Arroxo explicou que “coa nova ordenación, aproveitaremos para modificar os espazos adicados ao estacionamento e reorganizar a disposición deste nas rúas afectadas, para optimizar ao máximo tanto a fluidez da circulación como o número de prazas de estacionamento dispoñibles”.

Segundo as previsións calculadas nos estudos previos pola área de Mobilidade, poderanse gañar aproximadamente 20 prazas na rúa Dinán e na avenida Ramón Ferreiro, 20 en Anxo López Pérez e 15 en Jacinto Calvo. “Seguimos traballando para mellorar os espazos de estacionamento na zona centro da cidade”, explicou Rubén Arroxo.

Coas novas modificación, a rúa Galiza sera unidireccional e quedará cun só carril, que se aproveitará para incrementar as prazas de estacionamento en forma de espiña de peixe, que permitirá gañar máis de 30 prazas.

Nova dársena de autobuses

O Tenente Alcalde informou do inicio dos traballos na confluencia entre a praza de Bretaña e a rúa Salvador de Madariaga, onde se colocará unha nova dársena de autobuses na parada. A nova dársena está destinada a que a poida utilizar con seguridade quen viaxa no bus. Salvador de Madariaga cambiará o seu sentido de circulación e a colocación da nova dársena permitirá subir e baixar accedendo directamente á zona peonil da cidade. Todas as persoas que sexan usuarias do bus emprazaranse directamente na praza de Bretaña e poderán ir ao centro da cidade camiñando por zona peonil sen ter que facer cruces de rúas.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre as novas prazas de estacionamento | Descargar mp3

Multimedia

  • A nova ordenación de tráfico do centro aumentará en máis dun cento as prazas de estacionamento

Noticias relacionadas