Nos próximos días incorpóranse tres novos emprendedores ao viveiro do CEI-Nodus

Ademais tamén se renovou por un ano a outras tres empresas xa instaladas que dan traballo a 10 persoas

Venres, 22 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación, Formación e Orientación Laboral, informa que ao longo da próxima semana instalaranse tres novas empresas nos viveiros do CEI-Nodus promovidas por emprendedores. Actualmente o Centro de Empresas do Concello de Lugo acolle a 23 emprendedores que están desenvolvendo as súas iniciativas empresariais dende este centro.

A estas 23 empresas instaladas súmase na próxima semana a empresa MGLab Asesoría agroalimentaria, que iniciou a súa andadura en xuño de 2014, promovido por Manuel Gomez López, licenciado en Química e en Ciencia e Tecnoloxía dos alimentos. O obxectivo principal desta empresa é prestar servizos profesionais a institucións relacionadas coa agroalimentaria. Ademais dispón de servizos como análise físico-químico e microbiolóxico, formación, asesoría en temas de lexislación e APPCC. Na provincia de Lugo existen moi poucas empresas que ofrezan este tipo de servizo a  prezos adaptados as necesidades das empresas agroalimentarias.

A seguinte empresa en instalarse será 8 Ensayos, de Jahel Piñeiro Arias, Enxeñeiro de Son e con seis anos de experiencia no sector propón a creación dun local de ensaio insonorizado e acondicionado acusticamente para bandas musicais da provincia de Lugo.  O seu obxectivo principal é o desenvolvemento profesional dos grupos de música lucense e está dirixido a todos os estilos de música e o produto que ofrece é un servizo optimizado para a mellora e evolución das bandas lucenses e prevé a contratación dunha persoa no primeiro ano de actividade.

O terceiro proxecto emprendedor en incorporarse ao CEI-Nodus será Mondo Esquimal, que terá como principal actividade a produción de material audiovisual e fotográfico. Os membros desta iniciativa son dous emprendedores, Breixo Llano e Xabier Piñeiro, ambos con experiencia no sector audiovisual e ofrece unha ampla gama de produtos como vídeo, reportaxes, fotografía ou gravacións entre outras.

Ademais tamén se prórroga por un prazo de un ano a estadía a tres empresas que xa están traballando dende o CEI-Nodus como son Genequa, Mercase e Instituto de Biotecnología, e que entre as tres dan traballo a dez persoas en diferentes ámbitos. 

Noticias relacionadas