Nonétrivial propón unha reflexión sobre o papel das mulleres

Martes, 30 de setembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, e a artista Luz Darriba, presentaron unha nova iniciativa da Casa da Muller do Concello de Lugo : Nonétrivial.

Esta atividade, segundo explicou a Concelleira, “é un proxecto de participación colectiva no que se propón unha reflexión sobre o papel das mulleres na nosa cultura a través dos tempos”.  Basadre explicou que esta actividade está dirixida á sociedade en xeral e á mocidade lucense en particular, porque “sabendo de onde vimos temos moito máis claro ata onde podemos chegar”.

A través de preguntas e respostas, dun modo lúdico poñerase ao descuberto os coñecementos sobre a vida, a historia e o presente das mulleres que ao longo do tempo foi silenciado ou ignorado.

O funcionamento da actividade, que se celebrará despois das festas de San Froilán, é similar ao Trivial de mesa, pero as fichas serán as propias persoas que xoguen. Trátase de ir respondendo ás preguntas de ciencias, política, artes, miscelánea, deportes e historia relacionadas coa condición feminina e ir gañando os “queixiños” que permitirán recibir un pequeño presente como estímulo. “Ainda que o maior estímulo que pretendemos que sexa o propio desafío ao coñecemento”, explicou Basadre.

No xogo poderán participar ata 36 persoas á vez que farán de fichas saindo do centro do taboleiro situado na praza Maior e desprazándose polos casilleiros situados nas rúas do centro da cidade: rúa da Raíña, Doutor Castro, Conde Pallares, Praza de Santa María, Bispo Aguirre…

Esta actividade busca demostrar que os actos e os acontecementos ao contorno do xénero feminino non son triviais e merecen un mellor posicionamento na axenda da política e da cultura.

Os que desexen participar poderán apuntarse na Oficina Municipal de Xuventude, na Casa da Muller e no Servizo Municipal de Drogodependencias.

Noticias relacionadas