No primeiro semestre de 2012 duplicouse o número de demandas de axuda de familias con menores nos servizos sociais do Concello

Martes, 21 de agosto de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, informou está mañá da preocupación do Concello ante o aumento de familias con menores ao seu cargo que demandan axudas dos servizos sociais para poder manter unha calidade de vida decente. Así o recollen os estudos que se están levando a cabo dende a área de servizos sociais para coñecer as necesidades reais da poboación lucense para poder crear programas eficaces socialmente.

González Abelleira explicou que durante todo o 2011 se rexistraron un total de 216 demandas mentres que no primeiro semestre do 2012 xa se levan contabilizadas 422 solicitudes de axuda. “Nós detectamos que as familias son as primeiras prexudicadas cos recortes, especialmente os menores, porque estamos vendo situacións que son características da pobreza infantil, un problema que estaba esquecido dende hai máis de 20 ou 30 anos” segundo manifestou a Concelleira.

Tamén se informou que o número de intervencións que se levan realizado durante este ano na área de familias con menores ao cargo foi un 36% máis que en todo o ano 2011, pasando das 510 ás 809 que se fixeron nestes seis primeiros meses. Os motivos principais das demandas de axuda son a insuficiencia de recursos e o desemprego que “unido aos recortes en servizos sociais, educación e sanidade son o caldo de cultivo perfecto para xerar pobreza, especialmente, pobreza infantil”.

A responsable dos Servizos Sociais anunciou que “antes as novas necesidades que se están dando, dende o Concello, estase traballando na elaboración de varios programas para intentar paliar a falta de recursos das familias e minimizar os efectos negativos da crise e da desprotección social que se leva a cabo por parte da Xunta”. Estes programas poranse en marcha a finais de ano e principios de 2013 e tratarán de evitar o descoido das necesidades básicas de familias como a alimentación ou a hixiene; e tamén se intentará paliar situacións de exclusións sociais creando programas que eviten a desigualdade social.

Dependencia
Ana González Abelleira tamén confirmou que “a Xunta vai aplicar a drástica modificación do Lei de Dependencia tal como avanzamos a semana pasada xa que saíu publicado onte no DOG”. Esta modificación supón finalmente un recorte do 15% da prestación económica, a difícil situación para os coidadores xa que deberán facerse cargo da súa seguridade social, a incompatibilidade de servizos que se lles presta e, ademais, vaise ter en conta o patrimonio de cada dependente para calcular a renda económica e ver que servizos se lles oferta ou non. Ademais de que terán un carácter retroactivo ao 1 de agosto.

Abelleira asegurou que se tratan de medidas contra as persoas máis vulnerables e supoñen un recorte de máis de mil millóns de euros en materia de dependencia a nivel estatal.

Multimedia

Noticias relacionadas