A música tradicional galega e vasca únense ao San Froilán 2016 con Kepa Junquera e Carlos Núñez

A orquestra de Jazz de Galicia actuará acompañada por Junquera o día 7 de outubro na Praza de Santa María e Núñez ofrecerá un concerto o día 11 de outubro na Praza Horta do Seminario

Carmen Basadre tamén anunciou que as orquestras Breixa Band, Limón e Costa Dorada actuarán os días 4, 7 e 11 de outubro, respectivamente, na Praza Maior

Xoves, 15 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, informou este xoves de novas actuacións de renome que estarán en Lugo neste San Froilán 2016. Trátase da orquestra de Jazz de Galicia, que estará acompañada por Kepa Junquera, e do internacional Carlos Núñez. Deste xeito, a música tradicional galega e vasca únense nestes festexos, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro.

A orquestra de Jazz de Galicia, que proxecta a música tradicional galega en influencia con outros estilos, como o jazz, o folk, a música clásica e a contemporánea, estará acompañada o día 7 de outubro na Praza de Santa María polo compositor, produtor e músico Kepa Junkera.

Carlos Núñez, que naceu no ano 1971 en Vigo, ofrecerá un concerto patrocinado por Leyma, o día 11 de outubro, na Praza Horta do Seminario. O gaiteiro galego máis internacional ao longo destes anos vendeu máis dun millón de discos no mundo, obtivo un Premio Ondas, dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos e galardóns en todo o mundo.

Orquestras

A edil tamén deu a coñecer algunhas das orquestras que amenizarán as festas. Trátase da orquestra lucense Breixa Band, que conta cun ritmo moi animado, o grupo Limón, que leva máis de 16 anos ofrecendo un espectáculo para todos os públicos, e a orquestra Costa Dorada, unha formación musical avalada polos seus máis de vinte anos de historia. Actuarán os días 4, 7 e 11 de outubro, respectivamente, na Praza Maior.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as novas actuacións do San Froilán | Descargar mp3

Noticias relacionadas