Música tradicional, folk, rock e pop, os xéneros máis votados para formar parte do programa do San Froilán 2016

Carmen Basadre deu conta na segunda xuntanza da Comisión de Festas dos resultados da votación popular posta en marcha nas redes sociais polo Concello para facer “un San Froilán ao xeito de todos”

Mércores, 01 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Música tradicional, folk, rock e pop, os xéneros máis votados para formar parte do programa do San Froilán 2016

A Comisión de Festas do San Froilán 2016 reuniuse este mércores por segunda vez para continuar avanzando nos preparativos destes festexos que o pasado ano deixaron en Lugo uns 11,5 millóns de euros. Tal e como avanzou tras a reunión a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, tratouse dunha xuntanza participativa, na que todos tiveron a oportunidade de poñer de manifesto proposicións e suxerencias de cara á programación destas festas, entre as que destaca a contratación de agrupacións musicais de Lugo ou a organización de exposicións.

Na xuntanza, Carmen Basadre anunciou que se está traballando na renovación dos pregos do feiral e dos stands da feira, nos que por primeira vez se premiará ademais do prezo a innovación, así como no prego de festas, no de contratación de carpas, no do alumeado ornamental, casetas do polbo, producción e prevención de riscos.

Ademais, a edil deu conta da votación popular posta en marcha polo Concello para facer “un San Froilán ao xeito de todos” nas redes sociais oficiais das festas, podendo elixir a cidadanía os xéneros musicais que formarán parte do programa das festas patronais. A votación rexistrou preto de 2.700 participacións, das que preto do 70%, votaron por música tradicional, folk, rock e pop. A entidade local adaptará as actuacións musicais aos resultados desta enquisa social, tendo en conta o orzamento.

O 43% dos participantes tiña entre 20 e 29 anos, seguido dos de entre 30 e 39 anos, un 29%. Ademais, nesta votación popular cada persoa podería suxerir grupos musicais, recibindo o Concello máis dun centenar de propostas distintas de diversas variedades musicais. 

Noticias relacionadas