A música marca esta ponte festiva en Lugo

De Vacas e Carta de Ajuste actuarán o sábado e domingo ás 21:00 horas na Praza de Santa María. A estes espectáculos musicais, súmase o festival de rock Napalm Fest, na Casa da Música mañá sábado, a partir das 18:30 horas

Un concerto de música galega a cargo da Banda Municipal, unha andaina á beira do río Miño e obradoiros de breakdance ou beatbol, son outras das alternativas que ofrece o Concello para estes días 

Venres, 22 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo oferta para este sábado e domingo na Praza de Santa María un concerto do cuarteto musical De Vacas o día 23 e do grupo Carta de Ajuste o día 24, a partir das 21:00 horas, “unha alternativa máis de lecer para esta ponte festiva”, asegurou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Trátase de dúas actuacións para todos os públicos e idades enmarcadas na programación de Cultura no Camiño, promovida por Agadic, na que participa o Concello por terceiro ano consecutivo. En agosto, haberá outros 5 concertos ao abeiro deste convenio de colaboración.

De Vacas é un cuarteto musical do Milladorio formado por unha guitarra e tres voces. Ofrecerá un concerto duns 75 minutos nos que rescatarán temas recoñecidos nun formato divertido. Pola súa banda, Carta de Ajuste confórmano dous músicos veteranos, David Taboada e Iván Valdés, que a través dun espectáculo duns 90 minutos lembrarán recoñecidas cancións de rock dos anos 80 e 90, conseguindo a implicación do público a través da súa posta en escea.

Carmen Basadre convidou a todos os lugueses e ás decenas de visitantes que se agardan nestes días a achegarse a un lugar tan emblemático como a Praza de Santa María, por onde discorre o Camiño Primitivo, para gozar destes dous concertos de estilos totalmente distintos, así como a pasar esta ponte en Lugo.

Ademais, este mesmo sábado, a Casa da Música acollerá dende as 18:30 horas, o Napalm Fest, un festival independente de rock e metal organizado pola Asociación Cultura Lugo Rock. Nel actuarán as bandas Inferno Wisdom, Death Bringer, Savonarola, Perpetual e Barbarian Prophecies. A entrada é totalmente gratuíta.

Neste senso, a edil tamén lembrou que o luns, ás 12:30 horas, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto de música galega con motivo do Día de Galicia, ás 12:30 horas na Praza Maior.

Outras actividades

Ademais, este domingo, o Concello ten programada unha ruta de 17 quilómetros á beira do Miño, desde Sisoi ata Ombreiro, enmacada no programa Terras de Auga e Cultura. Tamén no Miño, esta fin de semana se darán cita centos de deportistas coa Travesía a Nado e o Tríatlon, eventos deportivos cos que colabora o Concello.

Xa pensando nos máis novos, a entidade local ten preparado obradoiros de breakdance, beatbol, personalización de gorras e turntablism Dj, na Praza do Castiñeiro, dende as 17:00 ás 21:00 horas. Tamén ao longo destes días, Lugo converterase en escenario, posto que os mozos e mozas que participaron estas semanas no curso de creación audiovisual estarán gravando tres curtas en diferentes recunchos da cidade.

“Estas actividades contribúen a dinamizar e alegrar esta fin de semana en Lugo, ao tempo que se ofrecen outras alternativas diferentes ás ofertadas ao longo do resto do ano”, subliñou a edil, quen convidou aos visitantes a coñecer os museos municipais de Lugo, o patrimonio histórico lugués e a cultura do tapeo.  

Audio

  • Carmen Basadre, sobre as actividades de ocio da ponte festiva |Descargar mp3

Noticias relacionadas