A moeda romana oficial do Arde Lvcvs MMXIX distingue ao Deus Mitra, templo ao que se dedica a Domus do Mitreo de Lugo

Carmen Basadre e Miguel Alvelo, escoltados por dous lexionarios, presentaron, no patio central do Vello Cárcere, o deseño deste ano, o noveno acuñado, que tamén recolle a figura do Emperador Gordiano

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 5.000 moedas. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda, valorada en dous euros, poden facelo en distintos establecementos do casco histórico

Mércores, 13 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A moeda romana oficial do Arde Lvcvs MMXIX distingue ao Deus Mitra, templo ao que se dedica a Domus do Mitreo de Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente da asociación Cohors III Lucensium, Miguel Alvelo, acompañados doutros membros da directiva do colectivo lugués de recreación histórica e escoltados por dous lexionarios, presentaron este mércores, no patio central do  Vello Cárcere, a moeda oficial que esta asociación acuña, por noveno ano, para as festas do Arde Lvcvs. Estes festexos cumpren 18 anos nesta edición e celebraranse do 14 ao 16 de xuño.

Na presentación, Carmen Basadre agradeceu á Cohors III Lucensium a súa actividade, que engloba a continuidade desta moeda, que este ano se dedicará ao Deus Mitra e ao Emperador Gordiano. Do mesmo xeito, quixo  destacar a colaboración, implicación e participación non só no Arde Lvcvs senón ao longo do ano deste colectivo por e para recrear a historia da cidade.

Pola súa banda, Alvelo agradeceu o traballo que se fai dende o Concello, personificado en Carmen Basadre, para organizar e promover o Arde Lvcvs.

Tal e como explicou Alvelo, o anverso da moeda oficial dos festexos destas edición é o busto de Marco Antonio Gordiano Pio, Gordiano II, emprerador de Roma do século III da nosa era (238-234). A imaxe representa a un xove emperador que toma as rendas con 13 anos, morrendo 6 anos despois na guerra contra os persas. O emperador mira cara a dereita, portando unha coroa radiada, coraza e paludamento. A lenda, en grego, Emperador Cesar Marco Antonio Gordiano Augusto, denota a procedencia oriental da moeda.

Pola contra, o reverso reflexa ao deus Mitra, deidade oriental acollida polos romanos dende o século I d.C. O mitranismo estendeuse polo imperio rapidamente, sendo varias as cidades onde se atoparon restos do mesmo, como Lucus Augusti, o máis occidental dos achádegos (Domus do Mitreo). Represéntase a Mitra ataviado con gorro frigio e a coroa radiada do deus sol invicto, sacrificando a un touro. A lenda en grego indica Cidade do Tarso. O exergo refírese a Tarso como ceca de acuñación. Esta imaxe é símbolo da relixión mitraica, neste caso simplificado, omitindo a serpe e o can que acuden a beber o sangue derramado e o escorpíon atenazando ao animal. O mitraismo competirá co cristinanimso durante varios séculos ata impoñerse este último no século IV.

Cohors III Lucensium repartirá unhas 5.000 moedas. Cada moeda ten un valor de 2 euros. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda poden facelo en distintos establecementos do casco histórico que a asociación dará a coñecer. Así mesmo tamén se poderá adquirir no propio campamento da Cohors III Lucensium ao longo dos festexos.

Para calquera outra información poden dirixirse á asociación a través do enderezo electrónico info@cohorsIIIlucensium.es

Audio

  • A edil Carmen Basadre sobre a presentación da moneda | Descargar mp3

Noticias relacionadas