A moeda do Arde Lvcvs 2017 rende homenaxe á muller na cultura e vida romana

A Cohors III Lucensium repartirá 4.000 moedas oficiais dende o vindeiro martes. As persoas interesadas en conseguir dita moeda, que ten un valor de dous euros, poden facelo en establecementos do casco histórico

Venres, 09 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A moeda do Arde Lvcvs 2017 rende homenaxe á muller na cultura e vida romana

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o presidente e vicepresidente da asociación Cohors III Lucensium, Miguel Alvelo e Xurxo Corrales, respectivamente; escoltados por tres soldados romanos, presentaron este  vernes, no Patio do Vello  Cárcere, a moeda oficial que esta asociación acuña, por oitavo ano, para os festexos do Arde Lvcvs, recentemente declarados de interese turístico nacional.

No transcurso do acto, Carmen Basadre agradeceu á directiva saínte deste colectivo o traballo realizada nos últimos dez anos a prol da historia e da cidade, así como da recreación histórica, sendo esta a primeira asociación que se creou ao abeiro do Arde Lucus. Así mesmo quixo facer fincapé no éxito acadado por esta iniciativa, que este ano, e por primeira vez, enxalza á muller.

Pola súa banda Alvelo agradeceu a colaboración do Concello coa súa asociación, así como o seu traballo a prol de sacar adiante o Arde Lucus e para o recoñecemento que ten neste momento. Tamén tivo palabras de recoñecemento a todos os seus compañeiros, algúns dos cales presentes no acto, por conseguir que esta asociación continúe co seu labor durante 10 anos. Para rematar, desexoulle moitos éxitos máis ao Arde Lucus.

A moeda é un denario de prata, do ano 205 D.C., acuñada na honra de Julia Augusta, muller dun emperador, Septimio Severo. No anverso aparece o busto de Augusta, unha muller con gran elegancia ornamentaria, e no reverso, a deusa Civeles, escoltada por dous leóns, e apoiada cun cóbado nun tímpano, portando nunha das súas mans unha rama e noutra un cedro. Julia Augusta saiuse dos canones da muller romana, acadando protagonismo na vida cultural e política.

A Cohors III Lucensium repartirá unhas 4.000 moedas a partir do vindeiro martes. Cada moeda ten un valor de 2 euros. As persoas interesadas en cambiar a súa moeda poden facelo en distintos establecementos do casco histórico.

Este colectivo convidou ademais unha asociación de recreación histórica de Romanía e outra de Sagunto a estes festexos, que terán lugar o 30 de xuño e 1 e 2 de xullo.

Para calquera outra información poden dirixirse á asociación a través do enderezo electrónico info@cohorsIIIlucensium.es

www.ardelucus.com

Multimedia

  • A moeda do Arde Lvcvs 2017 rende homenaxe á muller na cultura e vida romana

Noticias relacionadas