Miguel Couto anuncia que Evislusa xa ten identificadas todas as parcelas precisas para completar o cinto verde da cidade

O edil de Urbanismo Sostible explicou hoxe no Pleno que a empresa municipal recibiu este encargo xa en 2019 para proceder, ademais, á cuantificación do seu importe e a iniciar as expropiacións

O concelleiro lamentou a falta de compromiso do GM Partido Popular “que reivindican a actuación pero, en cambio, non insta á Xunta a colaborar, como fai noutros concellos, coa financiación do proxecto”

Xoves, 25 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Couto anuncia que Evislusa xa ten identificadas todas as parcelas precisas para completar o cinto verde da cidade

A Empresa Municipal de Vivenda e Solo ten xa identificadas as parcelas coas que o Concello de Lugo poderá completar o cinto verde que bordeará a cidade apoiado no seu contacto cos cursos fluviais do Miño, Rato e Fervedoira.

O anuncio o realizaba esta mañá o edil de Urbanismo Sostible, que tamén indicou que o equipo de goberno encargou xa no pasado exercicio o inicio das actuacións, nas que tamén se inclúe a valoración económica dos terreos afectados, a regularización da súa situación catastral coa Confederación Hidrográfica e o Ministerio de Transportes así como a súa expropiación, tal e como recolle a memoria de 2019 do Consello de Administración.

“O propio Plan Xeral do 2011 xa contemplaba que este corredor verde se ensanchase ao sur, unindo os parques existentes (Río Rato e Río Miño), e conformando outro, de tipo urbano, de gran importancia natural, biolóxica e paisaxística que ven cualificado no planeamento vixente como Sistema Xeral de Zonas verdes e Espazos Libres – EL 24”.

A intervención, como subliñou o concelleiro durante o Pleno desta mañá, “xa se atopa na folla de ruta deste executivo para a que se precisa de tres ferramentas fundamentais: vontade política, que pola nosa parte cremos está sobradamente demostrada, traballo para a xestión do procedemento, que xa se atopa en curso, e tamén da suficiente dotación financeira posterior para poder materializala”, referiu.

“Un aspecto no que botamos de menos a falta de compromiso do Grupo Municipal do Partido Popular que só se concreta coa presentación da proposta pero non, en cambio, coa petición á Xunta de Galicia para que, ao igual que fai noutros Concellos, colabore tamén co de Lugo na financiación deste proxecto”, concluíu Couto.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre o cinturón no Paseo do Miño | Descargar mp3

Noticias relacionadas