A Mesa de Traballo da Residencia reclama á Xunta que lle explique nunha reunión os seus plans para o Vello Xeral

Martes, 27 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou este martes que a Mesa de Traballo da Residencia enviou esta mesma mañá un escrito á Consellería de Sanidade para reclamarlle que lle explique nunha xuntanza os plans que ten para o Vello Hospital Xeral, logo de que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dese a coñecer onte un boceto do proxecto de reforma das antigas instalacións sanitarias.

Esta comisión foi constituída en outubro de 2015, en cumprimento dun acordo plenario adoptado por unanimidade precisamente para buscar solucións que revitalicen o barrio da Residencia. Presidida polo voceiro municipal, está formada por representantes dos cinco grupos da oposición, da Asociación de Veciños e Comerciantes do barrio e da comunidade escolar (dirección e ANPAs) dos centros educativos da zona.

Miguel Fernández subliñou a necesidade de que a Xunta expoña con detalle na Mesa de Traballo da Residencia o proxecto anunciado por Núñez Feijóo de cara a ter toda a información e tamén facer un seguimento do procedemento administrativo e das actuacións co fin de que o barrio da Residencia conte no menor tempo posible cunhas dotacións que sirvan para revitalizar a zona, devolvéndolle a actividade social e económica que perdeu coa apertura do HULA.

Audio

  • Miguel Fernández sobre os plans para o Vello Xeral | Descargar mp3

Noticias relacionadas