A Mesa de Contratación do MIHL reunirase de novo dentro de 15 días

Xoves, 17 de xullo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Mesa de Contratación acordou hoxe declarar que unha das empresas presentadas para a contratación de obras do Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), concretamente a UTE Construcciones Coto Ribadeo, S.L. e Construcciones y Estudios, S.A. incurre en baixa temeraria; é dicir, o órgano de contratación presume que a proposición presentada pola empresa non pode ser cumprida como consecuencia dos prezos desproporcionalmente baixos que presenta.

A baixa temeraria é frecuente nos concursos públicos, xa que as empresas que participan non coñecen as ofertas que presentarán as demais, e polo tanto poden facer unha oferta inferior á baixa media. Esta media calcúlase en función dos prezos ofertados polas outras sociedades. O prego de condicións determina que se unha oferta ten unha baixa que supera en 10 puntos á baixa media, considerase baixa temeraria.

O prezo de saída do Museo era de 8.759.641,88 e esta UTE presentou unha oferta un 23% por debaixo do prezo de licitación: 6.744.924,23 euros.

O informe dos técnicos municipais aconsella esta tramitación. Agora procédese a darlle un trámite de audiencia a esta decisión, e a empresa afectada contará cun prazo de 10 días para presentar alegacións e xustificar a súa baixa. A Mesa de Contratación, unha vez oídas as aclaracións, decidirá se as acepta ou se a exclúe do proceso.

Noticias relacionadas