Mercedes Leobalde, este xoves, e Marica Campo, o día 21, protagonistas de dúas novas Catas Literarias no MIHL

A Concelleria de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, ten programadas dúas novas Catas Literarias que terán como protagonistas a Mercedes Leobalde e a Marica Campo.

Martes, 12 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A primeira das Catas Literarias vaise celebrar no MIHL este xoves, día 14 de maio, coa participación da escritora Mercedes Leobalde, que foi a galardonada na convocatoria do Premio Anxel Fole de narrativa en 2014 co seu libro “Funambulistas”.

Outra obra súa, o poemario “Chamádeme Eva”, gañou o VIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2013.

Esta autora, nada na Coruña en 1967, é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, traballa como tradutora-intérprete da Administración de Xustiza.

Por outra parte, o xoves día 21 a protagonista será a escritora Marica Campo, dado que se pospuxera a súa participación na Cata Literaria celebrada no mes de abril.

María Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, nada no Val do Mao, no Incio, é narradora, autora dramática e, sobre todo poeta. É autora, entre outras obras, de “Tras as portas do rostro”, “Confusión e morte de María Balteira”, “Pedinche a luz prestada” e “Sextinario: trinta e seis + tres”.

Marica Campo exerceu como mestra en varias escolas da provincia de Lugo e en Canarias. Tamén foi profesora do IES Poeta Díaz Castro de Guítiriz.

A súa traxectoria literaria comezou coa publicación dos seus primerios relatos, en castelán, na revista de maxisterio “Contacto y acción”. Comezou escribir en galego durante a súa estadía no Colexio Público de Castro de Rei. Participou en concursos de poesía, prosa e teatro obtendo algúns premios e tamén é autora de varias letras escritas para o grupo musical Fuxan os Ventos.

As Catas Literarias, ademais de literatura, teñen o atractivo de ofrecer unha mostra da gastronomía lucense acompañada de viño da Ribeira Sacra. Tamén, durante o evento, haberá música a cargo de diferentes grupos da cidade.

Ademais para as persoas que queiran asistir disporán dun bus urbano gratuito para os que se queiran achegar con saída da Casa Sindical ás 19.50 horas e volta ás 22:15 horas dende o MIHL.

Para poder asistir haberá que adquirir unha entrada cun prezo de 5 euros que está a venda na Biblioteca Municipal da Milagrosa (luns a venres, de 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:00), no Centro de Interpretación da Muralla, (luns a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00), no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), (martes a sábado, de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 19:30) e na web www.entradaslugo.es .

Noticias relacionadas