Merca e Gaña polo Nadal fomenta as compras no comercio local con 10.000 euros en premios para reinvestir nos establecementos

A Concelleira de Economía, o Deputado de Relacións Institucionais e o Presidente da Federación de Comercio presentaron esta campaña, onde participarán os máis de 700 establecementos existentes que dan emprego a unhas 1.750 persoas

Inclúe distintos soportes promocionais para incentivar as compras no comercio local e premios de ata 10.000 euros para reinvestir nos propios establecementos

Martes, 05 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Merca e Gaña polo Nadal fomenta as compras no comercio local con 10.000 euros en premios para reinvestir nos establecementos

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o Director Territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez, presentaron este martes Merca e Gaña polo Nadal. É a campaña de sensibilización e visibilización cidadá, coa que colabora o Concello e que promove a Deputación a través de todos os colectivos que integran a Federación de Comercio de Lugo, co obxectivo de promover as compras nos máis de 5.500 establecementos de toda a provincia. Faino con distintos soportes promocionais e premios de ata 10.000 euros para reinvestir nos comercios.

Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estas datas, ademais de incentivar as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 Concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña; as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.comou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 12 de xaneiro. Máis información en www.nadalmercaegana.com.

Ana Prieto explicou que o Concello colabora co desenvolvemento desta campaña onde participarán os 700 establecementos existentes, que dan emprego a 1.750 persoas. “creemos que o tecido que se crea ao redor destas pequenas tendas, xera emprego, ingresos económicos para as nosas familias e dinamiza as nosas rúas”.

Pola súa parte, Álvaro Santos destacou que “as compras polo Nadal supoñen entre o 25% e o 30% do total das vendas anuais do comercio, sendo unhas datas prioritarias para este sector. Con esta campaña, queremos contribuír ao impulso dos máis de 5.500 establecementos dos 67 Concellos, que dan emprego a 12.500 lucenses e que representan o 13% do PIB da provincia. Queremos concienciar á cidadanía da importancia de mercar no comercio de proximidade e trasladar que mercando nos establecementos da nosa provincia gañamos todos”.

Finalmente, José María Seijas subliñou que “o obxectivo fundamental desta campaña é encher de Nadal a provincia de Lugo e crear ese ambiente festivo e alegre propio destas datas fomentando as compras. Ademais con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”.

Noticias relacionadas