Méndez pedirá unha reunión con Feijóo para esixirlle un compromiso persoal con Lugo xa que “as maiores débedas co municipio son da súa etapa de presidente”

Segundo a alcaldesa, os orzamentos do 2020 “reflicten un ano máis as débedas da Xunta coa cidade en temas fundamentais que se frearon baixo a presidencia de Feijóo”

Martes, 22 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Méndez pedirá unha reunión con Feijóo para esixirlle un compromiso persoal con Lugo xa que “as maiores débedas co municipio son da súa etapa de presidente”

A alcaldesa Lara Méndez pedirá unha reunión persoal co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, para reclamarlle o seu compromiso persoal con Lugo xa que “na súa etapa de Goberno se contabilizan as maiores débedas do Goberno galego co municipio sen resolver”. Os orzamentos previstos para o vindeiro ano, “máis que reflectir a vontade política de Feijóo porque Lugo avance, amosan as continuadas débedas históricas que volven unha e outra vez a aparecer nas súas ‘contas da leiteira’, sen que a maioría delas se concreten en obras”, sostivo. 

Segundo a rexedora, dificilmente pode o goberno da Xunta defender o seu apoio a Lugo se son sempre os mesmos temas os que volven a estar nos orzamentos porque as partidas quedan sen executar, falamos de temas fundamentais para o desenvolvemento do municipio “que o propio Feijóo freou na súa etapa de presidente e que evidencian que non existe un compromiso real seu de pechar os vellos investimentos pendentes para poder enfocar novas solucións a novos problemas”, argumentou.

A alcaldesa repasou as principais débedas de Lugo, que volven aparecer nos orzamentos do 2020:

ROLDA ESTE

A finalización deste vial leva 10 anos paralizada porque foi o propio Feijóo quen meteu no 2009 a licitación xa preparada polo presidente Emilio Pérez Touriño nun caixón. As partidas orzamentarias para esta infraestrutura vital para a mobilidade na cidade “foron como o Guadiana”, volveron a aparecer no 2012 con 20.000 euros e unha previsión de 1,5 millóns no 2013, pero nin no 2013 nin en anos posteriores se recolleu nada nos orzamentos.

Este ano fálase dunha partida de  300.000 euros para unha obra de 22 millóns e cuxa finalización nos propios orzamentos se adía máis alá do 2424. Na última campaña electoral a propia Xunta falaba de que este ano estaría o proxecto a exposición pública e as expropiacións executadas, e é dubidoso que os 300.000 euros cobran nin sequera o custe das expropiacións.

É importante lembrar que a finalización da Rolda Este, que unirá a estrada da Fonsagrada e Tolda de Castela, é urxente dende a apertura no 2011 do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para desconxestionar de tráfico determinados puntos do casco urbano e periurbano, como a Avenida de Fontiñas e a estrada do Rato, que soportan na actualidade unha elevada intensidade circulatoria. Intensidade que, que no caso desta última vía, chegou a quintuplicarse dende a posta en servizo do HULA (de uns 650 vehículos diarios pasou a 4.500).

RESIDENCIA

Tras anos de espera, Feijóo anunciou as primeiras partidas para revitalizar este barrio 8 anos despois da súa chegada á presidencia da Xunta.

No 2019 foron anunciados case 7 millóns de euros para o Centro Integral de Saúde, a oficina de emprego e o centro de biomasa, e a realidade é que só se avanzou no derribo do vello xeral e nos procesos de licitación. “Poucos avances xa que o propio Feijóo os freou tras paralizar a retrocesión dos terrenos durante meses”, lembrou Méndez.

Para este ano, os orzamentos falan de 6,9 millóns tamén para o Centro Integral de Saúde, e a Xunta e o PP cita tamén os 12 millóns da residencia de maiores para o barrio, obviando que serán financiados por Amancio Ortega, “que, é ben triste dicilo, concreta máis investimentos en políticas públicas en Lugo que o propio Feijóo”, sostivo a alcaldesa.

INTERMODAL

200.000 euros é a cantidade orzamentada para a Intermodal polo Goberno Galego, infraestrutura que Feijóo retomou tras as presións do Goberno de Lara Méndez cando xa levaba 8 anos na presidencia da Xunta.  “A de Lugo é a estación galega que vai con máis retraso a pesar de que podía estar xa rematada se o Goberno de Rajoy, tristemente cunha ministra galega ao fronte do ministerio, non metese o proxecto xa moi avanzado polo ministro José Blanco nun caixón no 2011, “ano no que xa estaba Feijóo de presidente e nada dixo, senón que deixou facer”, recalcou a alcaldesa.

PLAN PARADAI

Este Plan merece un lamentable capítulo aparte porque se ben é certo que todos os anos desde hai cinco dispón sempre do mesmo orzamento de 450.000 euros, non se executou nin un só euro.

CASCO HISTÓRICO

Segundo sostivo a alcaldesa “empeza a ser unánime a loita pola petición do Cuarto Patrimonio e a Xunta foi a única administración que aínda non se posicionou a favor, “o que quizá non é de estranar pola escaso compromiso que está a ter na mellora do casco histórico, a non ser na rehabilitación de vivendas que, non debemos esquecer, e a súa competencia”, dixo a alcaldesa.  

Pero a rehabilitación sen plans para dinamizar social, cultural e económicamente esta zona é un proxecto que nace eivado. Hai que lembrar que foi o Concello quen impulsou o proxecto de coworking da Tinería para evitar a especulación, “especulación que é o plan que está a seguir a Xunta para a nosa zona histórica”, sostivo Méndez.

MUSEO ROMANIZACIÓN

“O museo da romanización xa ten un proxecto pago, e pasou de ser un proxecto con unanimidade social, político e institucional, que Feijóo rachou tras deixalo nun caixón”, lembrou.

A Xunta gastouse no cuartel máis de medio millón de euros na última década. Desde que no 2009 foi declarado BIC, anunciouse un concurso de ideas, calculouse o seu custe en 10 millóns e se publicada no DOG o contrato para o proxecto básico, por un custe de 221.607 euros. Despois, Feijóo abandonou o proxecto.

SANEAMENTO

A Xunta non investiu nin un só euro en saneamento en Lugo a pesar de recibir nos últimos catro anos 5,5M € dos lucenses polo canon da auga, que é finalista para este fin. “Pedimos que o Goberno galego financie o 70% do proxectos conxuntamente co Concello, que aportaría o 30%”, comentou a rexedora.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre a valoración dos Orzamentos | Descargar mp3

Noticias relacionadas