Méndez defende o Plan de Recuperación do Goberno central como unha gran oportunidade para avanzar no Lugo verde e sostible

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe unha reunión cos seus homólogos de A Coruña, Santiago e Ferrol e o delegado de Goberno para analizar a primeira liña de axudas.

Venres, 03 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Méndez defende o Plan de Recuperación do Goberno central como unha gran oportunidade para avanzar no Lugo verde e sostible

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, defendeu os fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España como “unha gran oportunidade para que podamos seguir avanzando no Lugo verde e sostible que estamos impulsando desde o mandato pasado na gran transformación da cidade, na que os espazos públicos sexan unha continuidade das zonas de confort dos nosos fogares para gañar en benestar e riqueza medioambiental e económica”.

A rexedora mantivo hoxe unha reunión co delegado de Goberno, José Miñones, a rexedora de A Coruña, Inés Rey, e os de Santiago, Xosé Bugallo, e Ferrol, Angel Mato, para falar da primeira convocatoria de axudas do Goberno de Pedro Sánchez, concretamente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinadas á mellora da mobilidade e da modernización do transporte público dos municipios.

Méndez destacou que nesta crise, fronte a última, na que se reduciron os investimentos e se freou o crecemento económico, “temos que agradecer que se afronte desde un importante plan inversor co apoio do Goberno central, que nos permitirá avanzar na transición ecolóxica de Lugo”.

Neste senso, lembrou que o proxecto transformador para o municipio lucense abarca tanto os aspectos urbanísticos como de mobilidade, máis sostible, con iniciativas pioneiras como o primeiro barrio multiecolóxico de España, pero tamén enfoca a transformación económica da cidade. “As nosas estratexias tamén pasan polo fomento dos distintos sectores, como o forestal, co uso da madeira como elemento estrutural na construción das urbes do presente e do futuro, pero tamén pola diversificación industrial e empresarial coa Estratexia Lugo Transforma, un fondo de risco municipal de 12 millóns de euros para atraer investimentos e empresas de alto impacto social e ambiental”.

A alcaldesa comentou, ademais, que “desde o Concello levamos tempo traballando en propostas para presentar ás distintas convocatorias dos fondos europeos”.

Pola súa parte, José Miñones, avanzou que esta é  “a primeira reunión de moitas que en distintos formatos manteremos nos próximos meses para lograr o obxectivo de seguir facendo grandes cidades, cidades modernas e sostibles”, engadiu o delegado.

Esta primeira liña de axudas está dotada con 1.000 millóns de euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro. Con este investimento, o Goberno impulsará nas cidades as zonas de baixas emisións (ZBE), a transformación sostible do transporte público colectivo e a dixitalización da mobilidade: “O Goberno vai a financiar todas estas actuacións para transformar as cidades, loitar contra o cambio climático e facer a vida máis sinxela aos galegos e galegas”, apuntou.

O delegado lembrou que as subvencións contemplan financiar ata o 90% dos costes elexibles de cada proxecto e que os concellos poden presentar iniciativas que xa foron licitadas despois do 1 de febreiro do ano pasado.

“Estamos a falar da primeira de moitas convocatorias”, porque “só o Ministerio de Transportes ten previsto investir nas cidades de España 13.000 millóns de euros para unha mobilidade sostible, para axenda urbana e para rehabilitación e conservación de vivenda”, concluíu o delegado. 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o Plan de Recuperación do Goberno central | Descargar mp3
 

Multimedia

  • Méndez defende o Plan de Recuperación do Goberno central como unha gran oportunidade para avanzar no Lugo verde e sostible
  • Méndez defende o Plan de Recuperación do Goberno central como unha gran oportunidade para avanzar no Lugo verde e sostible

Noticias relacionadas