Méndez avanza que o Concello modificará o Pepri e aportará varias edificacións para recuperar a contorna do Pazo de Dona Urraca

A alcaldesa de Lugo anunciou que se pechou o acordo co IGVS para esta actuación, que suporá que o Concello recibirá a cambio pisos ou locais na zona

Segundo Lara Méndez, este é un exemplo de traballo entre Administracións, que respectan o poder de decisión que cada unha ten sobre os bens que son da súa titularidade”

O edil Miguel Couto avanzou que na actuación se introducirán criterios de sustentabilidade, “para que Lugo siga a ser referente en actuacións medioambientais sostibles”

Venres, 31 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Méndez avanza que o Concello modificará o Pepri e aportará varias edificacións para recuperar a contorna do Pazo de Dona Urraca

O Concello de Lugo vén de comunicarlle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que xa se pode iniciar a redacción do convenio que materializará o acordo alcanzado entre as dúas Administracións para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e os espazos lindeiros, segundo anunciou a alcaldesa Lara Méndez en rolda de prensa.

A rexedora, que estivo acompañada  polo concelleiro de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, puxo este acordo “como un exemplo de traballo entre Administracións que procuran o ben común e que parte tanto do respecto do papel que xogamos cada unha, como do respecto mutuo polo poder de decisión que cada unha ten sobre os bens que son da súa titularidade”.

Tras varios meses de negociación, que comezou no mes de xullo do pasado ano, o convenio incluirá, como compromisos por parte do Concello, acadar a titularidade de tres edificacións sitas na rúa Falcón próximas á Muralla, así como de dous anexos de dúas vivendas lindeiras ao Pazo de Dona Urraca, co fin de que se incorporen ao resto de soares do ámbito da UI8 que son titularidade do IGVS e favorecer un mellor desenvolvemento.

Así mesmo, comprométese a modificar o PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) para variar o ámbito de actuación da UI8, “o que faremos utilizando a vía máis áxil, que introduce a Lei de Rehabilitación que entrou en vigor no mes de agosto e que usaremos por vez primeira en Lugo”, segundo sostivo o concelleiro.

A cambio, o retorno do investimento local que desenvolve o Concello e dos dereitos de edificabilidade que lle corresponden polo desenvolvemento do ámbito se materializarán en superficie xa edificada e non en chan, “o que nos permitirá obter locais ou vivendas”, comentou Lara Méndez. Aclarou que “a nosa intención é destinalas, no primeiro caso, a darlle continuidade ao viveiro a pé de rúa da Tinería, ou, no segundo, a vivendas municipais de aluger. Como sabedes, unha das nosas preocupacións, e máis nesta zona con tanto potencial pola súa ubicación próxima aos tres Patrimonios da Humanidade e na que estamos a desenvolver un plan de dinamización económico e social, é evitar a especulación e pór en valor un barrio que está a coller gran impulso”.

Méndez destacou que o “obxectivo das dúas Administracións é favorecer o desenvolvemento da contorna desta unidade de actuación, que pola súa estratéxica situación, no barrio da Tinería, e polo inmoble principal que se rehabilitará, un pazo emblemático do século XVIII, debe facerse evitando actuacións agresivas e que posibiliten a mobilidade da zona”. O acordo, incidiu, “permitirá transformar unha parte da cidade cun gran impacto visual desde a Muralla”.

Miguel Couto avanzou tamén que neste convenio se introducirán criterios de sustentabilidade, seguindo a axenda 2020 e as solucións urbanas do catálogo elaborado polo Concello no marco da estratexia LIFE “para que Lugo siga a ser referente en actuacións medioambientais sostibles”.

En execución

Neste intres estase a traballar na mellora  da seguridade estrutural do Pazo de Dona Urraca. A intervención, que obtivo a licenza perceptiva esta mesma semana na Xunta de Goberno Local e que intentamos axilizar ao máximo, en só 21 días, foi iniciada xa durante a semana pasada pola Xunta de Galicia.

“Desde o Concello, sempre o dixemos e mantémolo, estamos dispostos a colaborar e darlle o pulo necesario a todos aqueles proxectos que desde a Xunta de Galicia ou calquera outra administración se desenvolvan para que Lugo siga avanzando”, comentou a rexedora.

Audios

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o convenio do Pazo de Dona Urraca| Descargar mp3
  • O edil Miguel Couto, sobre o convenio do Pazo de Dona Urraca | Descargar mp3

Noticias relacionadas