Medio Rural saca a licitación melloras viarias en sete parroquias por valor de 266.680€ e anuncia a execución doutras tres actuacións por 100.000€ máis

Miguel Fenández explica que os traballos respostan ao obxectivo marcado pola concellería de dotar de servizos e infraesturas axeitadas aos núcleos do Concello

Mércores, 16 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural saca a licitación melloras viarias en sete parroquias por valor de 266.680€ e anuncia a execución doutras tres actuacións por 100.000€ máis

A concellería de Medio Rural levaba esta mañá, á Xunta de Goberno, varias actuacións para o arranxo de infraestruturas viarias no rural cun orzamento total de 266.680’02 euros.

“Trátase de obras de mellora en máis de media ducia de estradas que, pola súa antigüidade, polo deterioro que padecen e pola intensidade de tráfico que soportan precisan dunha reparación urxente”, indica Miguel Fernández.

O edil explicou que os traballos, que inclúen ademais da rexeneración do firme, a limpeza de cunetas e o pintado de bordos, terán un prazo de execución de tres semanas.

Os puntos de actuación son as estradas LU-612 a Campo da Festa en Piúgos (19.549’53€); a de Mazoi a Cacabelos (35.966’46€); a que une a rúa da Industria con Bagueixos, na parroquia de Tirimol, ( 25.916’52€); a LU -546 ao límite do Concello do Corgo, na parroquia de Santa Comba (63.175’24€); a LU -234 no linde de Outeiro de Rei, parroquia de Bocamaos, (22.157’56€); a estrada de San Salvador de Muxa á Ronda Norte (40.041’19€) e a LU – P- 2901 a Vilastévez, en San Xoan do Alto (26.595`69€).

“Estas sete intervencións teñen un custo de 233.402’19€ e sairán a concurso de forma independente, ás que tamén hai que engadir unha oitava contratación para a pavimentación da vía entre Pena de Mula e Pontegaos, por importe de 33.277’83 euros onde se fai imprescindible amañar, canto antes, as deformacións e fochancas que presenta a calzada”, referiu o portavoz socialista quen puxo de manifesto que todos estos investimentos se realizan con fondos procedentes do Plan Único da Deputación Provincial.

Durante a súa comparecencia, o edil de Medio Rural aproveitou tamén para anunciar a inminente execución doutras tres reparacións de firme xa comprometidas coa veciñanza por un importe total de 106.817 euros, na estrada de Cima de Vila a Laxe, na parroquia de Pedreda (39.343€); en Meilán, na Nacional VI a Distriz (38.543€) e na LU – P – 2910 a Bosende de Abaixo (28.931’10€).

Por outra banda, na sesión de hoxe tamén se daba o visto bo a tres licenzas urbanísticas, unha delas para a demolición do inmoble número 24 da Rúa Armórica, outra para acometer a modificación da distribución interior nun edificio na Fonte do Rei e, a terceira, para a reforma duns apartamentos turísticos na Avenida Benigno Rivera nos que, cun presuposto de 130.765’84 euros, se pretende diminuír de 24 a 23 o número de apartamentos previstos, para o que os promotores disporán dun prazo dun ano.

Asemade, e como xa se avanzou en xornadas anteriores, na xuntanza desta semana o executivo local autorizaba a adxudicación á empresa Socamex do servizo de limpeza, reparación e mantemento das fontes ornamentais por valor de 57.194’32 euros e a Clece o das actividades e servizos complementarios en diversas instalacións deportivas da cidade, cun orzamento base de 1.171.222.34 €.

Audio

  • O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre as melloras viarias en sete parroquias | Descargar mp3

Noticias relacionadas