Medio Rural intensificou neste verán as labores de mantemento do firme e rebacheo das vías municipais en varias parroquias

O concelleiro Miguel Fernández asegura que na programación anual se aproveita o tempo máis seco para apurar as labores de mellora da seguridade viaria.

Sábado, 24 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural intensificou neste verán as labores de mantemento do firme e rebacheo das vías municipais en varias parroquias
A concellaría de Medio Rural, dirixida por Miguel Fernández, intensificou no verán as labores de mantemento e rexeneración do firme e rebacheo das vías municipais nas parroquias, traballos que se ben se desenvolven durante todo o ano aumentan o seu ritmo nestes meses aproveitando o tempo máis seco.
 
As actuacións levadas a cabo nas últimas semanas polas brigadas municipais corresponden á mellora nas vías de Tirimol, concretamente nos núcleos de Bagueixos e Corbelle; en Ceza, na parroquia de Coeses; en Conturiz; nas parroquias de Monte de Meda, Esperante e San Mamede dos Anxos; en Vilar de Recimil, no núcleo de Outeiro en Pedreda, no núcleo de Farxocos e na estrada que comunica con Fazai.
 
Fernández incidiu en que se planifica de xeito anual as obras de mantemento nas 54 parroquias, priorizando ás necesidades das zonas, o estado das vías, as peticións veciñais e a poboación afectada.
 
O concelleiro afirma que “temos previsto continuar coas labores de mellora, e nas vindeiras datas executaremos traballos en Vilalvite (Coeses), na parroquia de Calde e en núcleos de Pías. O noso obxectivo é mellorar a seguridade viaria, así como as comunicacións e a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural”.
 
Miguel Fernández recalca que “buscamos impulsar o desenvolvemento do noso rural xa que somos conscientes do potencial que ten o mesmo e do que supoñen estas melloras para a veciñanza”
 
Audio

Noticias relacionadas