Medio Rural acometerá a mellora de 4 estradas municipais e o abastecemento de Adai cos 500.000 € procedentes do Plan Único 2020

A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a participación do Concello neste Convenio de Cooperación Provincial co que o executivo de Lara Méndez pretende incrementar as dotacións das parroquias

Ademais, na sesión celebrada esta mañá, acordouse a apertura dos procedementos de contratación para a explotación das cafeterías da Piscina Cuberta de Frigsa e do Centro Social A Milagrosa II así como a adquisición de 48 traxes de intervención para os bombeiros

Tamén foron outorgadas 6 licenzas para distintos tipos de intervencións urbanísticas na capital

Xoves, 25 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural acometerá a mellora de 4 estradas municipais e o abastecemento de Adai cos 500.000 € procedentes do Plan Único 2020

Medio Rural acometerá a mellora de catro estradas municipais e o abastecemento de Adai cos fondos, 500.000 euros, procedentes do Plan Único.

A Xunta de Goberno Local aprobaba hoxe a participación do Concello neste Convenio de Cooperación Provincial co que o executivo de Lara Méndez pretende incrementar as dotacións nos núcleos.

O edil Miguel Fernández explicaba que as intervencións previstas se concentran, concretamente en catro vías: “a de Romeán (20.683’73€), a que conduce de Abeledo a Recimil (78.150 €), a de Chavián a Pedreda (62.717’82 €) e a de A Silva - parroquia de Piñeiro, ao límite da localidade de Guntín, (147.189’19 €). Obras que, no seu conxunto acaparan case o 62% das achegas da Deputación”, precisou.

O responsable de Medio Rural destacou tamén que a súa área incrementará a partida sobrante cunha aportación de 52.000 euros para acometer o abastecemento de auga en Adai, As Cancelas, Vilamaior e Portomeilán. “Unha actuación que foi orzamentada en 242.816’46 euros e coa que se pretende continuar estendendo progresivamente un servizo básico e esencial, como é este, ao conxunto do municipio”.

Por outra banda, o executivo local autorizou a apertura dos procedementos de contratación para a explotación, por un período dun ano, prorrogable por outros catro, do servizo das cafeterías sitas no complexo deportivo da piscina municipal cuberta do Parque da Milagrosa, por un canon de 400 euros ao mes (4.800 € anuais) e a anexa ao centro social municipal “A Milagrosa II”, cunha cota mensual de 200 euros (2.400 €/ano).

Así mesmo, acordouse a adquisición de 48 traxes de intervención para os bombeiros. Un equipamento composto por chaquetón e cobre pantalón que integra un arnés e que sae a licitación por un importe de 87.120 euros, a razón de 1.815 € cada unidade.

A empresa que resulte adxudicataria deberá entregar o material nun máximo de 150 días naturais e, unha vez recepcionado na súa totalidade e no prazo dun mes, poderase prorrogar durante 3 anos a adquisición doutros equipos, ata un máximo de 10, idénticos e polo mesmo prezo ofertado, coa finalidade de atender novas necesidades que xurdan nese período.

Alén destas cuestións, entre os asuntos incluídos na orde do día abordada esta mañá figura tamén o outorgamento de 6 licenzas urbanísticas, unha delas para acometer a rehabilitación da envolvente dun edificio de vivendas na Rúa Ramón Piñeiro, por importe de 397.591’66 euros e cun prazo de execución de 36 meses, outra para a reforma duha construción na rúa de Tinería para uso hoteleiro de apartamentos turísticos dunha chave, orzamentado en 142.446’21 euros e 30 meses de prazo de execución e as restantes para a instalación de ascensores en inmobles das rúas Montirón, Illas Canarias, O Seixo e Amizade.

Ademais, validouse de forma inicial o estudo de detalle de agregación de varias parcelas na rúa San Froilán.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre a xestión dos fondos do Plan Único | Descargar mp3

Noticias relacionadas