Medio milleiro de cativos gozan da maxia do Nadal cos obradoiros gratuítos organizados polo Concello

Trátase de máis de 10 talleres de diferentes temáticas que se están a levar a cabo na carpa de ArteNadal, na praza Anxo Fernández Gómez e no MIHL

Un cento de persoas descubriron Lugo grazas aos 4 paseos temáticos organizados pola entidade local dentro da programación de Nadal e no marco da súa aposta polo turismo cultural

Luns, 04 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Medio milleiro de cativos e cativas gozaron da maxia do Nadal cos obradoiros gratuítos organizados polo Concello dende o pasado 19 de decembro na carpa situada na praza Anxo Fernández Gómez e no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Trátase de máis de 10 talleres de diferentes temáticas, como scrapbooking, panxoliñas, pintura ou cociña, que a entidade local puxo en marcha para ofrecer unha alternativa máis aos nenos durante as vacacións escolares ao tempo que serven de axuda para conciliar a vida laboral e familiar. No día de mañá terán lugar os derradeiros talleres, un de maxia, das 12:00 ás 14:00 horas, e outro de panxoliñas das 17:00 ás 19:00 horas. Ambos os dous se desenvolverán na carpa situada detrás da Casa Consistorial.

Os obradoiros que rexistraron máis participación foron os de cociña, os de maxia, costura e creación de adornos de cristal.

Paseos temáticos de Nadal

Un cento de persoas descubriron Lugo grazas aos 4 paseos temáticos de Nadal organizados polo Concello dentro da programación de Nadal 2015-2016 e no marco da súa aposta polo turismo cultural. Trátase das andainas guiadas gratuítas polo Camiño Primitivo, pola Muralla de Lugo, ao MIHL e polos arredores da Catedral, que fixeron paradas na Praza do Campo, na Porta Miñá, na Ponte Vella, no centro arqueolóxico de San Roque, na porta de San Pedro, na praza da Milagrosa, na Praza Maior, na praza de Santa María e na sala expositiva Domus do Mitreo.

Das 4 viaxes que se levaron a cabo os días 26 e 27 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro, a que rexistrou maior participación foi a do 26 de decembro, cunha trintena de asistentes.

Ao redor dun 65% dos participantes eran da provincia luguesa. Tamén asistiron viaxeiros procedentes de A Coruña, Mallorca, Madrid, Burgos e Badaxoz.

Noticias relacionadas