Medio cento de veciños percorren a ruta cardiosaudable polo Rato impulsada pola Federación Veciñal, coa colaboración de Concello e Deputación

Trátase dunha iniciativa que buscar pór en valor este espazo verde ao pé da cidade de Lugo, e impulsar actividades lúdicas e deportivas coas que promover entre a cidadanía hábitos de vida saudables

Sábado, 03 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio cento de veciños percorren a ruta cardiosaudable polo Rato impulsada pola Federación Veciñal, coa colaboración de Concello e Deputación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, participaron este sábado, xunto a medio cento de veciños e veciñas, nunha ruta cardiosaudable polo paseo do río Rato. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Federación de Asociacións de Veciños, coa que un ano máis colaboran Concello e Deputación, que buscar pór en valor este espazo verde ao pé da cidade de Lugo, e impulsar actividades lúdicas e deportivas coas que promover entre a cidadanía hábitos de vida saudables.

Ao comezo do acto, Lara Méndez subliñou que “nunha sociedade envellecida, tal e como acontece tanto no Concello de Lugo, onde mais do 20% da poboación é maior de 65 anos, como na provincia, este tipo de actividades axudan a impulsar, e moito, modelos e hábitos de vida non sedentarios”. Deste xeito, a Alcaldesa manifestou a aposta do Concello polo envellecemento activo, capaz de contribuír a mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas, e máis aínda dos maiores.

Pola súa banda, Álvaro Santos destacou que “o paseo do Río Rato é un dos pulmóns de Lugo, un enclave natural único que permite conectar coa natureza a escasos minutos da cidade da muralla. Trátase dun espazo público que conta con gran afluencia de veciños que veñen a pasear e a facer deporte, pois é un paseo único”.

Jesús Vázquez agradeceu a colaboración do Concello e do organismo provincial neste tipo de iniciativas, “encamiñadas a mellorar a saúde dos veciños da provincia, nun entorno natural e preto á cidade”.

A ruta

Ás 11:00 horas arrancou a Ruta cardiosaudable polo Río Rato: Fronte a Casa Paco. Ao comezo, a Federación Veciñal fixo entrega aos participantes de camisetas. A Ruta contou cunha extensión de entre 3.5 e 4 quilómetros, que corresponden ao treito do cinto verde entre a Tolda e a Estrada da Fonsagrada. Durante a xornada, que tivo unha duración aproximada de 50 minutos, os participantes estiveron acompañados por monitores. Tamén se contou coa presenza de membros de Protección Civil para garantir a seguridade durante a xornada.

Multimedia

  • Medio cento de veciños percorren a ruta cardiosaudable polo Rato impulsada pola Federación Veciñal, coa colaboración de Concello e Deputación

Noticias relacionadas