Medio Ambiente tallará dez árbores en mal estado que representan un risco e que non poden ser trasplantadas

A concellaría elaborou un estudo de preto de 200 exemplares en varias avenidas e nos parques de Rosalía e de Frigsa para avaliar a súa conservación e os seus riscos

Santos incide na necesidade do coidado das árbores para que sexan seguras, “porque son fundamentais para mellorar o ecosistema urbano no Lugo verde polo que apostamos”

O Concello analizou ademais, que o arboledo non xere interferencias co tránsito de peóns e tráfico, que non oculte sinais ou farois e que non levante gravemente os pavimentos

Luns, 27 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente tallará dez árbores en mal estado que representan un risco e que non poden ser trasplantadas

A concellería de Medio Ambiente xa ten os resultados do informe técnico que mandou elaborar sobre o estado de 189 árbores en determinadas zonas da cidade, no que se incluíu unha análise de riscos. No mesmo, se conclúe a necesidade de tallar dez exemplares xa que representan un problema de seguridade e non poden ser transplantadas a outras zonas verdes do municipio polo seu estado.

Esta semana comezará a talla, concretamente de seis tilos situados en Ramón Ferreiro; de dous tilos en García Portela e Rodríguez Mourelo; dunha picea nas Costas do Parque de Rosalía e dunha palmeira en Frigsa.

A análise abarcou o diverso arboledo situado nas avenidas de Rodríguez Mourelo, García Portela e Ramón Ferreiro, así como nos parques de Rosalía de Castro e de Frigsa, na Milagrosa, e na rúa Cantiño Nemesio Cobreros.

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, informou de que, “antes de tomar esta decisión, as árbores foron estudadas coidadosamente, á par que se analizaron as consecuencias que puideran ocasionar a curto prazo á cidadanía e a posibilidade de recuperalas con certos coidados, sendo os informes desfavorables para a especie e a convivencia na contorna”.

O estudo, ademais dunha inspección visual para identificar síntomas de defectos e a vitalidade das árbores, incluíu un exame rigoroso das sospeitas segundo os seus síntomas externos,  unha caracterización do estado de conservación e unha análise de riscos. Os datos obtidos están plasmados nunha ficha individual de avaliación de cada exemplar.

O edil avanza que as 189 árbores destas zonas non foron seleccionadas aleatoriamente senón en función de contextos que se puideron valorar como agresivos para as especies, ou na convivencia cos veciños e veciñas de Lugo e as infraestruturas da cidade. Neste sentido, aclara que o Concello obtén así un instrumento útil de avaliación e planificación da xestión do arboledo público “aplicando criterios obxectivos con grandes doses de ética profesional”.

A área de Medio Ambiente, en función dos resultados do informe, proseguirá co seguimento do estado dos exemplares estudados. Concretamente, 46 árbores serán novamente analizadas. Delas, 12 en períodos de seis meses, 20 nun prazo dun ano, 11 nun prazo de dous anos e un nun prazo de tres anos.

Álvaro Santos, que incide na firme aposta de municipio verde e sostible do Goberno de Lara Méndez, sostén que “o arboledo de Lugo ten que ser seguro, non debe xerar conflitos graves polo espazo como interferencias co tránsito de peóns ou do tráfico, ocultar sinais, tapar farois ou levantar gravemente os pavimentos”.

“A funcionalidade das árbores é fundamental no ecosistema urbano, e vai moito máis alá de dar simplemente sombra. Para benestar do ser humano, existe a necesidade de achegar a natureza á cidade, mellorando a calidade ambiental do aire que respiramos, diminuíndo a contaminación e mellorando a nosa paisaxe e o patrimonio natural, cultural e turístico”, afirma.

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o informe de Especies de Risco | Descargar mp3

Multimedia

  • Medio Ambiente tallará dez árbores en mal estado que representan un risco e que non poden ser trasplantadas

Noticias relacionadas