Medio Ambiente repara o colector de saneamento que provocou o afundimento dun tramo da estrada LU-530

Tamén procederase a rexeneración da beirarrúa afectada, obras que finalizarán a finais desta semana

Martes, 05 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente repara o colector de saneamento que provocou o afundimento dun tramo da estrada LU-530

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, anunciaba hoxe que esta maña comezaron as obras de reparación do colector de saneamento que días atrás provocou o afundimento dunha parte da calzada na Estrada LU-530. Pk.01+200

“Logo de que os técnicos abriran parte da calzada para localizar a fuga no colector de saneamento, observouse que nunha unión, rexistrábanse filtracións que eran as causantes do afundimento dunha parte da calzada, determinándose a necesidade da súa reparación”, indicou o concelleiro.

Dende a área de Medio Ambiente informan que, a reparación consiste no cambio de diámetro e material de tubaxes ademais de executar neste punto un pozo de rexistro que recolla os dous tubos, garantindo a estanquidade neste tramo. A obra de rexeneración de firme na estrada LU-530 estimase que remate a finais desta semana.

Noticias relacionadas